A obra de Vincen Van Gogh (1853-1890) está definitivamente ligada ao seu drama persoal de profunda inadaptación social. Nacido en Holanda, na súa primeira etapa a súa obra reflicte o punto de vista dos máis débiles da sociedade, como nos Comedores de patacas, a súa paleta é escura e ata o seu debuxo deforma os rostros expresando a fealdade das vidas desas xentes
Tralo seu traslado a París, entra en contacto co Impresionismo e o Puntillismo abandonando os temas sociais e iluminándose radicalmente a súa paleta que pasará a expoñer un forte cromatismo. En 1888 trasládase a Arlés definíndose a súa última fase de total madurez. Van Gogh concibirá a arte como unha experiencia vital realizando obras de variada temática, desde retratos e escenas agrícolas ata naturezas mortas ou o reflexo do seu propio entorno físico. Retrato do carteiro Roulin, O campo de trigo, Os xirasoles, Os lirios e A habitación de Vincent en Arlés son algún dos moitos exemplos. Neles refai a realidade cos medios artísticos, construíndo desa forma a súa propia realidade. Nel inflúe a estampa xaponesa da que toma a súa gran riqueza gráfica, ao mesmo tempo que o uso da cor plana e pura que el explotará ata o máximo das súas posibilidades expresivas. As súas pinceladas de cor grosa, cheas de textura e movemento farán dos seus lenzos un universo escintilante (centelleante) que influirá nos fauvistas e expresionistas.