Saltar navegación

Os xogadores de cartas

Ficha tecnica

OS XOGADORES DE CARTAS

AUTOR: PAUL CÉZANNE

CRONOLOXÍA: (1893) ÚLTIMO TERZO SÉCULO XIX

MOVEMENTO: POSTIMPRESIONISMO

TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO

TEMA: ESCENA COSTUMISTA OU DE XÉNERO

LOCALIZACIÓN: MUSEO d’ORSAY (PARÍS)

O cadro mostra a dous homes sentados fronte a fronte nunha mesa, dos que só vemos os seus perfís. A botella que hai sobre a mesa marca o eixe compositivo, lixeiramente desprazado cara á dereita, polo que a figura da esquerda queda totalmente dentro do cadro, mentres que o outro personaxe queda cortado. A pesar diso, a súa robusta figura compensa a parte perdida polo feito de que, co corpo un pouco botado cara adiante, ocupa un maior espazo na mesa.

O torso ergueito do xogador da esquerda forma unha columna vertical que contrasta coa liña horizontal de detrás da súa cabeza. Para finalizar a explicación das liñas básicas desta complexa composición, cabe sinalar o triángulo imaxinario inverso formado a partir das miradas fixas de ambos os dous xogadores nas cartas.

O uso das figuras xeométricas non só se cingue á composición, senón que as figuras, nalgunhas das súas partes, se relacionan mediante formas xeométricas. Non obstante, iso non significa que o pintor supedite a cor á liña, posto que para Cèzanne ambos conceptos tiñan a mesma importancia.

A súa pincelada breve e disposta en superposición mediante o uso de diferentes tonalidades, axuda a modelar os corpos dos obxectos e das persoas da escena. A luz tamén se utiliza como un elemento de configuración do espazo, e non só como un efecto realista.

En canto á cor, predominan determinadas tonalidades cromáticas, como os ocres que o pintor utiliza para reforzar a contraposición formal de ambos os dous xogadores, invertendo as cores das chaquetas e pantalóns dun e doutro.

Temática

O pintor reproduce unha escena cotiá na que dous personaxes xogan unha partida de cartas sentados a unha mesa. O xogador da esquerda que fuma en pipa, foi identificado como Alexandre, o xardineiro do pai do artista.

Este lenzo é un dos cinco cadros que o artista realizou durante a primeira metade da década de 1890 sobre o mesmo tema, Inicia a serie en Suíza e remátaa na súa cidade natal, Aix- en- Provence.

Cèzanne dicía: “ non hai que pintar o que nós cremos que vemos, senón o que vemos”. Neste sentido hai unha certa superposición de planos e puntos de fuga diferentes que se corresponden máis ao movemento do ollo sobre unha imaxe que a unha estrutura de perspectiva matemática.

Cèzanne atopou nos clásicos a súa principal fonte de inspiración. Entre outros destaca a figura de Nicolás Poussin, cuxa tradición estrutural dentro do clasicismo francés quixo combinar co realismo de Courbet.

A súa maneira de representar a realidade, mediante descomposición de figuras xeométricas, levou a Cèzanne a ser considerado un precursor do movemento cubista liderado por Picasso e Braque.