
O almorzo campestre
Ficha técnica
ALMORZO CAMPESTRE
AUTOR: MANET
CRONOLOXÍA: ÚLTIMO TERZO SÉCULO XIX
MOVEMENTO: IMPRESIONISTA, OU IMPRESIONISMO (calquera das dúas palabras valería)
TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO.
TEMA: ESCENA COSTUMISTA
LOCALIZACIÓN: MUSEO D`ORSAY (PARÍS)
Comentario
A composición estrúturase en tres planos horizontais superpostos: abaixo hai unha cesta con froitas, pan e a roupa das dúas mulleres; no centro, unha muller espida, que mira directamente ao espectador, e dous homes elegantemente vestidos; e detrás, outra muller, en roupa interior, refrescándose nun regato.
As tres escenas quedan incluidas no triángulo compositivo formado pola perspectiva lineal, cuxo punto de fuga se sitúa no anaco de ceo pintado na parte alta do lenzo.
Manet integra as figuras na paisaxe como se formasen parte dela. As figuras aparecen planas, sen claroscuros, e sen liñas que remarquen os seus contornos, co que non adquiren ningún tipo de volume que as faga independentes do fondo. Esta representación plana conséguese e refórzase por medio da gradación tonal de cor tanto na representación da luz como nas sombras
Con este exercicio, Manet é capaz de reproducir a sombra dunha árbore e de conseguir a transparencia do regato utilizando só a riqueza tonal do verde. Para conseguir un contrapunto luminoso, o pintor francés utilizou o negro e o branco como cores predominantes nas figuras centrais. A escena atópase composta coma se se tratase dunha fotomontaxe moderna.
Temática
Almorzo campestre, titulada inicialmente O baño, reflicte unha escena cotiá na que aparecen en primeiro termo, o irmán do pintor, Eugène- cun bastón na man-, o escultor holandés Ferdinand Leenhoff, futuro cuñado de Manet, e a súa modelo preferida, Victorine Meurent.
Non é unha obra realista nun sentido social senón que fala da liberdade do artista.
Presentada no salón oficial de 1863, esta pintura non foi admitida e pasou a formar parte do extenso cartel do Salón dos Rexeitados. O principal motivo da crítica foi a nudez inxustificada da muller, ao non tratarse dunha escena mitolóxica. A vida moderna, exposta, exhibida nun recinto oficial, non era tolerable.
Tamén foi motivo de burla o feito de que as distintas figuras da obra non parecesen ter relación entre elas, e a sensación de que a figura do regato estea a flotar no aire debido a unha desconcertante perspectiva; a muller metida na auga parece un recorte superposto no cadro, está composta cunha perspectiva gótica non lineal.
A obra perdida de O xuízo de Paris de Rafael- reproducida nun gravado de Marco Antonio Raimondi- e o Concerto campestre de Giorgone e Tiziano, son os dous referentes básicos desta obra de Manet. Esta influencia dos clásicos, dominada pola pintura veneciana do século XVI e o barroco español, en especial Velázquez, non foi un caso illado, senon un referente claro nalgunhas das súas obras máis relevantes, como Olimpia ou O Pífano.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0