Saltar navegación

Contexto histórico artístico

A segunda metade do século XIX caracterizouse por unha serie de acontecementos históricos de gran trascendencia política e social: a unificación italiana (1861), a reordenación dos grandes imperios, como Alemaña (1871), a caída do Segundo Imperio e a chegada da Terceira República en Francia (1870), así como a consolidación dos Estados Unidos de América despois da guerra de Secesión (1861-1865).

En España, o panorama político viuse alterado pola Revolución de 1868, por un cambio dinástico, a proclamación da Primeira República e a Restauración monárquica, ademais de sucesivas perdas coloniais. Todo iso veu acompañado de transformacións socioculturais, como a afirmación da burguesía como consumidora de actividades culturais, a conversión da arte en mercadoría e unha nova forma de relación entre o artista e o cliente. O crecemento demográfico, a concentración urbana, o desenvolvemento industrial e os cambios nas comunicacións, especialmente o ferrocarriĺ, fixeron reformular as necesidades urbanísticas das grandes cidades e substituír o traballo artesán polo traballo mecánico.

A arte apelou ao gusto das clases dominantes coa produción de diversas obras que integran un todo unitario (eclecticismo). Outra corrente, minoritaria, aproveitou as fisuras do mercado da arte para buscar novas formas de expresión aproveitando a ousadía de novos marchantes e a constancia duns artistas atentos aos experimentos científicos.

A sociedade, cada vez máis industrializada e competente, contribuíu á inevitable substitución da linguaxe artística vixente por outras linguaxes máis axeitadas ás novas perspectivas e á caída de axiomas tan característicos como os que proclamaban que “arte é igual que beleza” e o antagonismo entre obra de arte e obxecto útil. Todo iso xerou unha serie de movementos que foron o xerme das Vangardas do século XX.

LOCALIZACIÓN E EVOLUCIÓN ARTÍSTICA

O centro artístico europeo máis importante da segunda metade do século XIX foi París. A capital francesa converteuse en centro creador e receptor das principais tendencias pictóricas: Realismo, Impresionismo, Postimpresionismo e Simbolismo. Roma, a pesar de continuar como centro de arte “oficialista” e académica, foi decaendo como foco artistico. No seu lugar, ademais da cidade de París, outras cidades europeas, como Londres, Berlín, Bruxelas, Viena, Milán, Múnich e Barcelona convertéronse en novos centros artísticos e arquitectónicos, grazas, sobre todo, á aparición dunha nova corrente: o Modernismo.

En pintura, o Realismo (1848) dá paso ao Impresionismo (1874), que iniciou un proceso de ruptura respecto das normas de representación obxectiva da realidade. Este camiño foi seguido, cara á década de 1890, polo postimpresionismo e o simbolismo, tendencias que abriron as portas do profundo cambio que se produciu a principios do século XX.