A creación de produtos por parte do alumnado é unha das máis potentes vías de aprendizaxe. As linguaxes das que se poden facer uso van desde o texto ata o hipertexto, pasando pola imaxe, animación, vídeo… unindo isto ás posibilidades de usar técnicas como a narración dixital (digital storytelling), a narrativa transmedia (crossmedia), o MashUp (remestura)… cos que se poden potenciar linguaxes alternativas ao texto para a creación de produtos de aprendizaxe.
Hoxe en día a comunicación non se limita xa á escritura e lectura de texto. A alfabetización dixital (digital literacy) engloba unha serie de elementos e linguaxes máis complexas. Todas esas novas linguaxes visuais e sonoras contan cun código concreto, diferente e facilmente identificable. Abordalo é sumamente necesario no ensino actual.
Podemos utilizar diferentes soportes como a radio, o cómic, a animación, o vídeo, a imaxe dixital ou presentacións para contarmos historias dun xeito gráfico, visual e cun tipo de texto concreto: representar informacións de forma moi precisa, potenciar o deseño visual, afondar nunha problemática social a través de dramatizacións, investigar ou demostrar cuestións matemáticas e físicas, sempre tendo en conta a voz, a imaxe, a linguaxe corporal, o deseño e estilo… importantes elementos que potencian enormemente a aprendizaxe.
A creación de proxectos non pode quedarse no uso dunha linguaxe soa. Así que neste proxecto de estudo sobre a contaminación lumínica na nosa vila, imos necesitar crear un logo; construír un sitio web onde publicaremos os nosos avances; publicar en Calaméo un texto expositivo argumental e inserilo no blog; producir un vídeo introdutorio sobre a situación actual; deseñar unha presentación que realizaremos na vila para convencer do cambio necesario na iluminación eléctrica; definir unha liña de tempo para marcar os tempos e obxectivos que queremos acadar; crear un cómic no que expoñemos os diferentes tipos de iluminación aos que podemos optar e cales son as súas características, pros e contras e crear un videotitorial de como aforrar na nosa casa.
Nos proxectos nos que contemos historias é interesante mesturar diferentes linguaxes, polo que imos crear unha historia que publicaremos de diferente xeito, adecuándonos ás diferentes formas de presentalo: na nosa historia sobre un morcego que non era cego, o 1º capítulo será un texto no blog; o 2º capítulo publicarémolo en formato cómic; o terceiro será unha representación creada con algunha app que permita animación como Toontastic e o remate será nun programa de radio.
A técnica de narrativa dixital remítenos ás posibilidades de contar unha historia a través do traballo con diferentes tecnoloxías. Por iso hai que mesturar moitas delas, tendo especial importancia a linguaxe oral e as linguaxes plásticas á hora de presentar a historia.
Annie Leibovitz