Os ODEs de certa complexidade inclúen múltiples elementos: textos, imaxes, vídeos, actividades, preguntas... Obviamente, o autor dos recursos inclúeos pensando en que o alumno os debe ver nunha determinada orde.
Grazas á estrutura do proxecto, poderase determinar cal é a orde ou secuencia en que os alumnos verán os recursos. Pero imaxinemos por un momento que non dispoñemos de eXeLearning e que queremos distribuír uns contidos aos nosos alumnos, contidos correspondentes a "ecuacións de segundo grao". Estes recursos constan de:
- Un vídeo onde se mostra como resolver as ecuacións de segundo grao.
- Un documento (PDF) onde se expoñen unha serie ecuacións para resolver.
- Unha dirección dunha páxina web onde poderán realizar un exame en liña.
Querémolos gravar nunha memoria USB para os alumnos. A pregunta é: Como lles indicamos a orde en que deben abrir os distintos elementos? Achegámoslles outro arquivo con instrucións? Indicámosllo verbalmente? Antepoñemos un número diante do nome de cada arquivo?

A resposta é que, dun modo ou outro, necesitamos incluírlles unha información adicional, que non ten propósitos pedagóxicos (non forma parte do noso recurso). A esta información adicional coñéceselle, dentro dos estándares educativos, como secuenciación.
Os estándares de recursos educativos adoitan resolver o problema da secuenciación mediante un sinxelo ficheiro, no que se determina a orde de visualización dos recursos. É un ficheiro de fácil comprensión para unha aplicación (aínda que non tanto para os humanos). Estes estándares de secuenciación teñen distintos niveis de complexidade, de modo que algúns tan só indican unha posible secuencia:

Outros permiten incluír varias secuenciaciones no mesmo recurso. Isto podería ser útil se, dentro dos nosos alumnos, algúns non necesitan ver o vídeo, debido a que xa saben resolver ecuacións de segundo grao, e poden pasar directamente ás actividades.
E os máis complexos permiten mesmo establecer unha secuenciación condicional, na que se pode establecer distintos itinerarios segundo o nivel de cumprimento das distintas actividades. Seguindo co exemplo, poderiamos facer que os alumnos non accedesen ao exame ata ver o vídeo e as actividades. E mesmo que se suspenden o exame deban volver a vídeo, ou despois realizar o exame de novo.