Copyright e dereitos de autor
Por exemplo, podemos atopar eses avisos legais nas páxinas web de xornais estatais como El Mundo, El País ou ABC (podes premer nas ligazóns para velos). Neses avisos legais detállase baixo que condicións pódese reproducir os seus contidos: ningún, a non ser que dispoñamos do permiso correspondente.
Pero, que sucede se repartimos ou colgamos na internet os nosos recursos sen especificar a licenza? Que sucede cando nunha páxina web non aparece o símbolo do copyright nin ningún aviso legal? Podemos "copiar e pegar" os seus contidos? A resposta é non.
As obras nacen con dereitos de autor, estean ou non publicadas. É dicir, no momento en que facemos unha fotografía, escribimos uns apuntamentos, ou mesmo garabateamos un debuxo, estes están protexidos polo dereito de autor. E, por suposto, o mesmo aplícase aos contidos que puidésemos publicar nunha páxina web, ou distribuír entre os nosos alumnos.
En España, concretamente, a Lei de Propiedade Intelectual establece que os dereitos de explotación dunha obra duran ata 70 anos despois da morte do seu autor (80 anos para os falecidos antes do 7 de decembro de 1987). Dita lei establece baixo determinadas circunstancias o dereito para facer copias privadas (exclusivamente para uso persoal) sen permiso do autor sempre que non exista ánimo de lucro. Pero este dereito de copia privada exclúe a distribución de materiais aos alumnos!