Saltar navegación

ODE - Catalogación

No momento de buscar recursos didácticos dixitais na internet atopámonos con varios problemas. O primeiro, que non existe un "lugar centralizado" onde buscar os recursos, co que nos vemos obrigados a utilizar os buscadores (como Google, Yahoo, ou Bing). O segundo é que, obrigados a utilizar estes buscadores, non temos modo de filtrar os contidos por nivel educativo. É dicir, podemos buscar "ecuacións de segundo grao", pero non "actividades con ecuacións de segundo grao para alumnos de primeiro ciclo de educación secundaria".
 
Se en lugar de buscar por Internet fósemos a unha biblioteca, a cousa cambiaría bastante. Seguramente, teriamos varias clasificacións ou catalogacións para os libros: unha por autores, outra por títulos, outra por materias... E se a biblioteca pertence a un centro escolar, poida que mesmo teñamos a sorte de atopar os libros clasificados por niveis educativos. É dicir, xunto aos materiais de estudo (os libros), atopámonos con materiais adicionais (fichas) con información de catalogación.
 
A dificultade de procura de recursos didácticos dixitais téntase resolver cos estándares de catalogación. Trátase dunhas normas que indican que información básica debemos engadir aos nosos recursos para que poidan ser catalogados. Uns estándares pídennos cousas tan sinxelas como o nome do autor, o título do recurso, o idioma e unha pequena descrición. Outros son tan complexos que permiten mesmo indicar a materia e nivel educativo.
 
A catalogación é unha información adicional que incluímos xunto aos recursos educativos, e recibe tamén o nome de metadatos.

.