familia

PALABRAS RELACIONADAS COA FAMILIA ROMANA

 “FAMILIA”

GALEGO: “familia”, “familiaridade”.

SIGNIFICADO ACTUAL: conxunto de persoas unidas por lazos de parentesco (sinónimo: fogar); conxunto de individuos que descenden uns dos outros; os fillos dun matrimonio ou parella (sinónimo: descendencia); en sentido figurado refírese a un grupo de persoas ou cousas con características comúns.

ORIXE: a diferenza do que entendemos hoxe por familia, a familia romana non estaba formada só polos pais, fillos e parentes, senón tamén por todos aqueles que mantiñan unha relación de dependencia co pater familias, é dicir, os escravos, libertos e clientes. Etimoloxicamente, o termo familia refírese a famuli “criados”. A familia era a unidade básica da sociedade romana e dentro dela resolvíanse os asuntos máis importantes.

 

 

Detalle do Ara Pacis de Augusto, onde podemos ver a familia de Augusto nunha procesión.

“XENTE”

GALEGO: “xente”, “xentío”.

SIGNIFICADO ACTUAL: grupo de persoas en número indeterminado.

ORIXE: remóntase ao termo latino gens, que facía referencia a un sistema social, civil, político e relixioso formado por varias familias descendentes dun antepasado común, vixente en Roma ata os primeiros tempos da República.

 

“DOMÉSTICO”

GALEGO: “doméstico”.

SIGNIFICADO ACTUAL: relativo á casa, ao fogar.

ORIXE: etimoloxicamente vén do termo latino domus. A domus era a casa unifamiliar propia dos ricos, cun o varios patios interiores.

 

 

Atrio domus pompeiana. Luigi Bazzani. Dahesh Museum of Art.

“IRMÁN, IRMÁ”

GALEGO: “irmán”, “irmá”.

SIGNIFICADO ACTUAL: persoa que comparte os mesmos pais, ou fillo do mesmo pai ou da mesma nai.

ORIXE: procede do termo latino germanus/a, adxectivo que significaba literalmente “orixinado do mesmo xermen”. O termo latino para designar aos irmáns era frater e para as irmás sororConservámolo nos termos “fraternal”, “fraterno”, “confraría”, “fratricida”, “sor”.

 

“NEPOTISMO”

GALEGO: “neto”, “nepotismo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fillo dun fillo ou dunha filla. Chamamos nepotismo ao feito de favorecer a familiares na provisión de cargos.

ORIXE: remóntase ao termo latino nepos, nepotis que significaba tanto “neto” como “sobriño”. A práctica do nepotismo xurdiu a finais da Idade Media, no contexto da curia romana, cando moitos cargos eclesiásticos eran outorgados a parentes de familias nobres que xa tiñan un membro na curia.

 

 

Curia Iulia no Foro Romano, Roma. Restaurado entre 1930 e 1936.

 

“CUÑADO”

GALEGO: “cuñado” e “cognados”.

SIGNIFICADO ACTUAL: irmán ou irmá dun dos cónxuxes respecto ao outro, ou cónxuxe dun irmán ou dunha irmá respecto a unha persoa. Sinónimo: irmán ou irmá político. En galego a palabra cognado ten o significado de “parente de sangue ou natural” e en lingüística os cognados son palabras que teñen unha orixe etimolóxica común.

ORIXE: remonta ao termo latino cognatum, que para os romanos significaba “parente natural”. Trátase dunha restrición semántica do termo.