educación

PALABRAS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN E O DEPORTE

“ALUMNO”

GALEGO: “alumno/a”.

SIGNIFICADO ACTUAL: persoa que recibe ensinanzas de alguén ou acode a un centro de ensino.

ORIXE: ao neno recén nacido que se alimentaba da súa nai dábanlle o nome de alumnus “o que é alimentado”. Esta palabra é un antiguo participio medio do verbo alere “alimentar”, “criar”, “facer crecer". En sentido metafórico, úsase alumno para designar “ao que se alimenta intelectualmente”.

 

“DISCÍPULO”, “DISCIPLINA“

GALEGO: “discípulo”, “disciplina”.

SIGNIFICADO ACTUAL: persoa que aprende de alguén nun centro escolar. Persoa que segue unha determinada doutrina. Por disciplina entendemos o conxunto de normas e leis que rexen unha organización.

ORIXE: remite ao latín discere “aprender”. O discipulus é “o que aprende”.

 

 

Profesor con tres discipuli. Relevo atopado preto do Trier. Foto dun casting no museo Pushkin, Moscú.

 

“CÁLCULO”

GALEGO: “cálculo”, “calculadora”, “calcular”.

SIGNIFICADO ACTUAL: este termo fai referencia á operación matemática de contar. Tamén pode referirse ás pedriñas que se forman nos riles.

ORIXE: o termo calculus en latín significaba “pedriña”, en especial, as que se usaban para ensinar a contar aos nenos na escola.

 

 

Reconstrución dun ábaco romano realizada no Museo RGZ en Mainz. O orixinal é de bronce e atópase na Biblioteca Nacional de Francia en París.

 

“PEDAGOGO”

GALEGO: “pedagogo”, “pedagoxía”.

SIGNIFICADO ACTUAL: persoa con capacidades para educar e ensinar aos nenos.

ORIXE: o paedagogus era un preceptor do que dispoñían en Roma as clases acomodadas, solía ser un escravo de orixe grega, cuxa principal misión era a de acompañar os nenos á escola e axudalos nas súas primeiras aprendizaxes. Etimoloxicamente alude a παῖς, παιδός “neno” e ἄγω “conducir”.

 

“SAÍR Á PALESTRA”

GALEGO: “saír á palestra”.

SIGNIFICADO ACTUAL: úsase para referirse a alguén que participa de xeito activo e público nun acto, como pode ser unha competición deportiva, un debate, unha discusión pública etc.

ORIXE: remóntase ao grego παλαίστρα que pasa ao latín palaestra, e fai referencia a un lugar público onde se ensinaban e se practicaban exercicios atléticos como a loita, ximnasia, puxilato, salto, lanzamento de disco etc. En Grecia era, en cambio, un lugar privado, a diferenza do ximnasio.

 

 

Palestra. Herculano.

 

“TABLETA”

GALEGO: “tablet”, “tableta”.

SIGNIFICADO ACTUAL: é un pequeno computador que usamos tocando cos dedos ou cunha pluma ou stylus.

ORIXE: procede do termo latino tabella, que traducimos como “taboíña” e que se definía como un soporte de escritura usado na antigüidade. A palabra stylus tamén ten a súa orixe na palabra latina stylus que era un instrumento usado polos romanos para escribir sobre as súas tabellae; o mesmo instrumento que hoxe en día podemos usar nas tablets.

 

 

Un escravo trae ao seu amo as tabellae para escribir. Detalle do sarcófago do avogado romano Valerius Petronianus. Museo Arqueolóxico en Milán. Fotografía de Giovanni Dall'Orto.

 

“DÉCATLON", "PÉNTATLON"

GALEGO: “décatlon”, “péntatlon”.

SIGNIFICADO ACTUAL: competición deportiva na que os atletas teñen que participar durante dous días en dez ou cinco probas, seguindo unha orde establecida e obtendo unha única clasificación.

ORIXE: composto a partir dos numerais gregos δέκα “dez”, πέντα “cinco” e o substantivo ἆθλον “loita, combate”.

 

 

Mosaico que amosa distintos entretementos deportivos. S. I. Museo Jamahiriya.Trípoli, Libia.