Unha vez publicadas as cualificacións das probas de certificación e promoción, de acordo coa Orde do 8 de setembro de 2008, o profesorado facilitará ao seu alumnado a revisión das probas. Cada docente marcará un día e unha hora para tal obxecto.
O alumnado que estea en desacordo coa súa cualificación poderá presentar unha reclamación perante a dirección da escola oficial de idiomas no prazo de dous días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da mesma.
Para presentar a reclamación, é necesario cubrir o impreso (en PDF | en PDF editable) e presentalo na secretaría do centro, en horario de 9:00 a 14:00, dentro dos dous días de prazo.
A reclamación terá que estar baseada nalgún dos seguintes aspectos:
Inadecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación da proba aos establecidos no currículo oficial e na programación didáctica do departamento correspondente.
Incorrecta aplicación dos procedementos e instrumentos de avaliación e/ou dos criterios de cualificación establecidos para estas probas.
A dirección da escola resolverá nos dous días hábiles seguintes á presentación da reclamación ratificando ou rectificando a cualificación. As resolucións recolleranse na secretaría do centro.
De continuar o desacordo coa cualificación, o alumnado ou o seu representante legal, no caso de menores de 18 anos, poderá interpoñer recurso de alzada perante a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contra a resolución da dirección da escola nun prazo de dous días hábiles a partir do día seguinte ao da súa recepción.