A Escola Oficial de Idiomas da Coruña é un centro educativo público dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que imparte as ensinanzas de idiomas de réxime especial establecidas no Capítulo VII da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación (LOE).
Segundo a LOE, as ensinanzas de idiomas teñen por obxecto capacitar ao alumnado para o uso adecuado dos diferentes idiomas, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, e organízanse nos niveis básico, intermedio e avanzado, que se corresponden, respectivamente, cos niveis A, B e C do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, que se subdividen nos niveis A1, A2, B1, B2, C1 e C2.
En Galicia, a organización e funcionamento das EOI recóllese no Regulamento Orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, que establece o Decreto 189/2010, de 11 de novembro, desenvolvido pola Orde do 5 de agosto de 2011.
A EOI da Coruña estableceuse no curso académico 1973-74. Actualmente, na sede central da cidade da Coruña impártense ensinanzas de alemán, árabe, chinés, español como lingua estranxeira, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés. Ademais, a escola conta con catro extensións las localidades de Arteixo, Carballo, Cee e Culleredo.
A sede central está situada na zona chamada Cidade Escolar, onde se atopan outros centros educativos públicos que imparten distintas ensinanzas. Consta dun edificio de catro plantas e unha superficie duns 5000 metros cadrados, que inclúen as instalacións habituais dun centro educativo, mais tamén unha cafetería, biblioteca, salón de actos e sala de radio. As seccións están situadas noutros edificios públicos: o Pazo da Cultura de Carballo e tres IES no caso das outras seccións.
No curso 2023-24, a EOI da Coruña celebrou o seu 50º aniversario.