Que son os cursos de destrezas?
Son cursos de actualización, perfeccionamento e especialización que se centran no desenvolvemento de habilidades específicas (por exemplo, comprensión e expresión oral ou escrita), sen exame final. Están deseñados para mellorar o uso práctico da lingua, sen conducir a certificación oficial.
Pode obterse un certificado de asistencia, sempre que se cumpra cun mínimo do 85% da asistencia.
Cada EOI pode ofertar cursos de duración variada (30, 60 ou 120 horas).
Quen pode matricularse?
- Calquera persoa interesada, aínda que non estea matriculada na EOI. Só é necesario ter 16 anos ou máis (cumpridos no ano natural en que se inicien os estudos), ou 14 anos ou máis, se o idioma elixido non é o cursado como primeira lingua estranxeira na ESO. Tamén cómpre ter DNI, NIE ou pasaporte (no caso do pasaporte, hai que facer os trámites presencialmente).
- Alumnado xa matriculado en cursos oficiais (como complemento).
- Non hai proba nin requisitos de nivel, pero si recomendacións sobre o nivel mínimo necesario para seguir o curso con aproveitamento.
Como se fai a matrícula?
A matrícula realízase en liña, nas seguintes ligazóns:
É necesario pagar as taxas e presentar, se procede, a documentación correspondente. A matrícula considérase completa unha vez realizada a reserva de praza, o pago e a entrega da documentación.
Cando se abran os prazos de matrícula, facilitaranse as ligazóns necesarias nas novas desta web.