Utilizando as excepcións que brinda a Lei de Propiedade Intelectual, é posible:
A inclusión de fragmentos de obras a título de cita, para a súa análise, comentario ou xuízo crítico:
"É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos doutras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a título de cita ou para a súa análise, comentario ou xuízo crítico. Tal utilización só poderá realizarse con fins docentes ou de investigación, na medida xustificada polo fin desa incorporación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada.
As recompilacións periódicas efectuadas en forma de recensións ou revista de prensa terán a consideración de citas. Con todo, cando se realicen recompilacións de artigos xornalísticos que consistan basicamente na súa mera reprodución e dita actividade se realice con fins comerciais, o autor que non se opuxo expresamente terá dereito a percibir unha remuneración equitativa. En caso de oposición expresa do autor, dita actividade non se entenderá amparada por este límite".
(Artigo 32.1 LPI)
A reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos:
"Non necesitará autorización do autor o profesorado da educación regrada para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, excluídos os libros de texto e os manuais universitarios, cando tales actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas nas aulas, na medida xustificada pola finalidade non comercial perseguida, sempre que se trate de obras xa divulgadas e, salvo nos casos en que resulte imposible, se inclúan o nome do autor e a fonte. Non se entenderán comprendidas no parágrafo anterior a reprodución, distribución e comunicación pública de compilacións ou agrupacións de fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo".
(Artigo 32.2 LPI)
Cando se cumpran estes casos, pódense incluír recursos alleos con dereitos de autor, sempre indicando o autor da obra e no seu caso o URL do recurso. O emprego deste tipo de recursos, acolléndose ao dereito de cita, será con carácter extraordinario polo seu valor pedagóxico, e só se recorrerá a esta opción cando non se poida empregar ningún outro tipo de elemento ou recurso alternativo para ese fin.
A atribución realízase directamente no propio fragmento citado (non no iDevice da páxina de "Créditos"). Ademais, as citas empregadas en cada REA serán notificadas ao correo creagal@edu.xunta.gal.