

\(\LaTeX\) é un poderoso sistema co que podemos crear documentos e presentacións de moita calidade. Debido a isto último, converteuse nun estándar para a elaboración de fórmulas.
Desde a versión 2.8 eXeLearning permite activar o motor MathJax que permite escribir directamente no editor fórmulas en \(\LaTeX\). Se desexamos usar toda a potencia de \(\LaTeX\) na escritura de fórmulas, debemos activar o modo avanzado do editor de eXe que se atopa na parte superior dereita. Unha vez feito isto pulsamos na lapela Propiedades > Exportar e marcamos onde pon Contido matemático: Cargar MathJax en páxinas con contido LaTeX.

Aínda que eXeLearning ten incorporado no seu editor un botón para facer fórmulas matemáticas o resultado pode ser bastante pobre, sobre todo se facemos un uso intensivo das fórmulas nos nosos textos, xa que as fórmulas feitas deste xeito están moi limitadas en canto ao que se pode facer con elas.
Neste apartado explícase como engadir MathJax aos nosos documentos e como utilizalo para ampliar o uso das fórmulas matemáticas a calquera ámbito de eXe, aproveitando ao máximo todo o potencial que ten este motor de visualización de fórmulas e co cal apenas temos límites á hora de crear os nosos materiais, sobre todo no ámbito científico.
Dedícase unha páxina a explicar o fundamental das fórmulas, Primeiras fórmulas, co que algunhas persoas quizais xa terían bastante porque se tentou explicar todo o necesario para as ecuacións que adoitan usarse en Primaria e ESO. Nas seccións posteriores profúndase moito máis na elaboración de ecuacións. É imposible dar unha relación exhaustiva de todo o que se pode facer, polo menos nun tempo e espazo razoable, xa que as posibilidades son realmente impresionantes, de todos os xeitos danse os principios suficientes para poder realizar fórmulas de certa complexidade, incluíndo matrices, límites, integrais etc.
Esperamos que isto anime e axude ao profesorado de ciencias a elaborar recursos educativos abertos a partir da magnífica ferramenta de autor que é eXeLearning.