Hai que destacar neste punto que é de vital importancia o feito de que todas as fontes usadas para armar o REA, tanto externas (elaboradas por terceiros) como propias (elaboradas por calquera membro do proxecto) queden ben referenciadas.
Os nosos materiais ofrécense baixo unha licenza libre Creative Commons. O uso de diferentes elementos multimedia deberá respectar e ser compatible con esta licenza.
En xeral, hai que ter en conta:
- Os recursos incluídos de terceiros e os de elaboración propia (imaxes inseridas, infografías, audios e outros recursos embebidos), que usemos, deben ser orixinais e dispor dunha licenza Creative Commons BY-NC-SA ou compatible.
- As ligazóns a contidos externos (blogs, páxinas web ou calquera tipo de recurso multimedia) deben apuntar obrigatoriamente ao recurso orixinal ou, na súa falta, a publicacións nos que os autores ou as autoras autoricen expresamente a súa publicación e difusión. Nas ligazóns débese seleccionar "Destino → Nova xanela" para que non se perda o REA. Exemplo: Nesta ligazón podes acceder á páxina do repositorio de recursos cREAgal .
- Tamén se poden incluír agradecementos a persoas externas que quitaran fotos, gravaran audios etc.
Debemos ter presente que é fundamental respectar ao máximo a licenza que a persoa autora orixinal lle deu á súa imaxe ou recurso. Por tanto, non só debemos indicar quen é o propietario ou a propietaria ou de onde a obtivemos, senón tamén o tipo de licenza que ese recurso ten.
