Saltar navegación

Igualdade

No ámbito educativo, aprobouse un I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 co fin de orientar a implantación de accións concretas encamiñadas ao desenvolvemento dunha aprendizaxe coeducativa que consiga promover a construción dun novo modelo formativo capaz de abranguer por igual o feminino e o masculino para avanzar cara á igualdade de oportunidades nunha sociedade libre de prexuízos e estereotipos.

Ao abeiro deste Plan desenvolvéronse dous elementos normativos de interese formativo para o alumnado de ESO e FP:

  • o currículo da materia de libre configuración autonómica de Igualdade de xénero (Orde do 13 de xullo de 2016 pola que se amplía a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato e se regula o seu currículo e a súa oferta, DOG do 4 de agosto de 2016).
  • o borrador do currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero (que se publicará en breve no DOG).

Recentemente aprobouse o Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto establece indicacións para garantir que toda a Administración pública reciba unha formación en igualdade adecuada para o seu exercicio profesional. Como persoal público, o profesorado galego vese tamén afectado por esta norma.

Texto extraído do material elaborado polo CAFI.