Unha secuencia é un deses anacos dixeribles, unha sucesión de actividades e tarefas relacionadas, que adoitan culminar nalgunha forma de avaliación. Unha secuencia didáctica pode durar unha clase ou un trimestre completo.
Por que é importante a secuenciación conceptual? Primeiramente, porque unha actividade didáctica nunca existe en illamento. Sempre hai un “antes” e un “despois”. Por exemplo, cando introducimos o tema “Pioneiras galegas”, pode que o alumnado xa coñeza a algunha delas. O deseño da primeira sesión virá determinado por eses parámetros (os coñecementos previos do alumnado). Logo, as outras actividades que incluamos nesa secuencia (que poden durar dúas clases ou cinco meses) tamén estarán condicionadas por esa primeira fase inicial. Na secuenciación conceptual, como vemos, hai un efecto dominó absoluto, e por iso é crucial planificar ben. Nese sentido, pode ser de utilidade este esquema de 5 fases que propoñen Ball et al. (2015):
- Establecer os coñecementos previos e espertar o interese.
- Introdución.
- Contido conceptual esencial.
- Peche do contido conceptual (pre-avaliación).
- Actividade(s) de síntese e/ou avaliación.
Se seguimos esta proposta, non teremos tarefas illadas, senón que o alumnado terá claro que sempre hai un propósito e unha lóxica e que esa tarefa é só unha parte dunha fase que integra un todo global: unha secuencia lineal ou narrativa.
Como exemplo deste tipo de propostas integradoras, podes consultar as seguintes experiencias: “As facianas de Clío” (IES Illa de Ons), “As crónicas do confinamento” (IES Sánchez Cantón) e “Programa de radio” (IES Arcebispo Xelmírez I).
