No deseño da secuencia, cómpre facermos unha pequena reflexión sobre avaliación:
“Moitas veces se expresou preocupación sobre o poder das probas para afectar o que ocorre nas aulas, o sistema educativo, e a sociedade en xeral; o que se chama “washback effect” (Alderson & Wall, 1993).
Temos tendencia a enfocar o proceso de ensino en función da avaliación deseñada. Este feito non é incorrecto en si en termos de validez, pero fai que nos cuestionemos en que medida a natureza da proba afecta aos resultados do noso alumnado e ao xeito en que se comporta.

Parece obvio que se levamos todo o ano académico traballando con tarefas competenciais, traballo en grupo orientado aos procesos, tarefas de investigación e actividades centradas no alumnado, a avaliación debe ser coherente con este tipo de achegamento. Sería contraproducente basear a maioría das notas finais nunha batería de exames ou probas sumativas. Aínda que nese caso sería fácil xustificarnos pensando que eses exames son válidos porque cobren os contidos curriculares, non estariamos tendo en conta o “espírito” do achegamento educativo que perseguimos durante todo o curso. Iso podería levar a que o alumnado non se sentise recompensado polo traballo feito, e sería difícil que cooperase ao ano seguinte ou, se o fixese, sería con desgana. Iso é o “washback effect” e pode ter consecuencias moi negativas na moral de profesorado e alumnado.