Saltar navegación

Como organizamos a aprendizaxe?

Un dos desafíos da aprendizaxe é soster a motivación e a implicación do alumnado. Con todo, ter un plan organizado facilita o desenvolvemento das estratexias de autorregulación que vimos no módulo anterior. Recordemos aquí que cando o alumnado ten éxito, adoita estar máis motivado, inviste máis esforzo na súa aprendizaxe e é máis resiliente.

Como abordamos ese desafío nun espazo virtual? Os espazos virtuais de aprendizaxe permiten que o/a docente marque obxectivos a curto prazo e deseñe microtarefas (actividades curtas e con expectativas realistas) para acadalos, proporcionando feedback inmediato. Iso si, a inclusión de microtarefas pode ser unha boa idea en tanto engade variedade ao traballo do alumnado, mais ten o risco de xerar actividades sen conexión entre si. Por iso convén integralas nunha secuencia de aprendizaxe (afondaremos neste concepto neste módulo) que integre diferentes materias.

As seguintes infografías recollen dous proxectos interdisciplinares desenvoltos durante o confinamento nos centros IES Ila de Ons e IES Plurilingüe Eusebio da Guarda que exemplifican como é posible organizar a aprendizaxe entre departamentos de modo cohesionado e coherente.