Saltar navegación

Deseñamos para o espazo virtual

Aínda que hai moitas maneiras de estruturar as secuencias didácticas en espazos virtuais, presentamos de seguido unha posibilidade adaptada da estrutura suxerida por Leonard Houx, deseñador instrucional cunha década de experiencia no sector público, privado e universitario. Convidámosvos a que analicedes esta proposta con miras a empregar unicamente os aspectos que sexan adaptables e extrapolables ao voso contexto. Leonard Houx artella cada secuencia didáctica arredor de 4 estratexias: 

  1. Exemplos concretos para ilustrar ideas.
  2. Codificación dual: combinación de texto e imaxe.
  3. Preguntas para conectar as aprendizaxes novas con coñecementos previos.
  4. Incorporación de 3 tipos de práctica para evitar o esquecemento:
    1. Práctica da evocación, empregando preguntas para elicitar o que se recorda.
    2. Práctica intercalada, mesturando preguntas dunha variedade de temas.
    3. Práctica espazada, introducindo intervalos entre probas ou tarefas.

Propón empregar os seguintes 5 recursos esenciais para levar a cabo a actividade docente, dado que teñen a versatilidade de ser trasladables a un espazo virtual:

Vídeos

Nas seguintes infografías e pílulas, a profesora Noemí Díaz Vázquez, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, resume de forma esquemática as fases de creación e tipoloxía de vídeos educativos, así como as vantaxes de empregar os recursos audiovisuais como ferramenta no ensino mixto:

Exercicios de corrección automática

Incorporar un exercicio de corrección automática ao vídeo (feito con Edpuzzle, por exemplo) permite que o alumnado se centre no visionado. A investigación demostra que os exercicios con preguntas de compresión con corrección automática aumentan a autoeficacia do alumnado, dado que requiren pouco esforzo (normalmente premer un botón) e pouco risco (os resultados son privados, poden repetilo varias veces). Ademais o feedback é inmediato e sen ambigüidades, o que dá un sentido de completado e autorrealización.

Pódense  empregar preguntas de verdadeiro/falso, opción múltipla e de encher ocos. Esta tipoloxía é axeitada para aprendizaxe factual, pero tamén para a procedimental (coma fórmulas, por exemplo).

Foros de debate

Un foro de debate permite levar a cabo unha actividade aberta e colaborativa onde o alumnado pode conectar o aprendido cos coñecementos previos e comparar e compartir co resto. Para que todos/as participen, é moi importante dar instrucións detalladas e claras sobre a participación e a temporalización. Se facemos preguntas  sobre o “por que” e  o “como”, facilitaremos as conexións entre o aprendido e o coñecido.

Á parte deste uso, tamén podes empregar os foros para preguntarche dúbidas. Que aspectos non entenderon? Sobre cales lles gustaría ter máis información?

Comentarios

De carácter máis personalizado, formúlase unha pregunta para que o alumnado elabore un comentario. Esta é unha tarefa cognitiva de alta orde: teñen que expresar a resposta nas súas propias palabras, integrar o aprendido cos coñecementos previos, empregar os recursos lingüísticos e textuais correctamente, etc. Daquela, é recomendable que se faga despois de ter levado a cabo unha serie exercicios de corrección automática así como foros de reflexión ou debate co resto do alumnado.

A seguinte infografía recolle unhas pautas para que o alumnado poida redactar os seus comentarios nun correo electrónico de xeito apropiado.

A lectura destes comentarios permitirache, por outra parte, afondar nos conceptos que precisan explicación ou traballo específico ou ben áreas de interese que se poden desenvolver en maior profundidade. Podes elixir abordar estes a través dun webinario.

Webinarios

A última peza é o webinario, unha sesión sincrónica na Rede. Porén, non debería abusarse do seu uso, dado que está moi centrada no/a docente e non lle dá a oportunidade ao alumnado de ter control sobre o contido, a súa organización ou accesibilidade.

Aínda así, se se emprega ben, constitúe unha ferramenta potente en tanto pode incorporar as estratexias que antes estudamos e, integrando as actividades e recursos que fomos analizando, proporciona unha experiencia de aprendizaxe rica e completa:

  • Codificación dual. Podemos empregar diapositivas con visuais e exemplos con narración ou vídeo.
  • Exemplos concretos. Incorporalos ás nosas explicacións, ao debate e ás preguntas.
  • Incorporación das prácticas contra o esquecemento:
    • Práctica da evocación. A maioría das ferramentas para facer webinarios permiten incorporar enquisas ou pequenas probas para incrementar a participación do alumnado.
    • Práctica intercalada. O uso de preguntas na presentación/exposición é imprescindible.
    • Práctica espazada. Se temos un webinario de forma regular (por exemplo semanalmente) podemos organizalos de tal xeito que haxa tempo entre unha práctica e outra.
  • Elaboración. Expandir preguntas que foron xurdindo durante a semana, modelaxe de como se resolve un exercicio, etc.

O webinario convértese desta maneira non só nunha clase que se transfire a un espazo virtual, senón que constitúe un feedback elaborado, unha resposta que constrúe sobre as aprendizaxes do alumnado.

Por outra banda, posto que a duración do webinario é limitada e sincrónica engade un sentido de “urxencia”. Para poder participar de maneira activa e recibir feedback, cómpre ter feitas as actividades previas. 

Dado que, como vimos nos anteriores módulos, a autorregulación adoita ser un aspecto que necesita reforzo, este tipo de actividades sincrónicas debería servir para recordarlle ao alumnado onde estamos no proceso, que camiño deberiamos ter percorrido e cara a onde nos diriximos.

Analicemos agora 3 exemplos concretos de sesións dunha secuencia incorporando microtarefas que inclúen as 6 prácticas facendo uso dos 5 recursos que vimos de analizar. Ten en conta que se trata de sesións do traballo do alumnado, que é o procedemento que se segue cando se deseña para un espazo virtual. Como se pode observar, os exemplos combinan traballo individual e grupal; nalgúns casos sincrónico e noutros asincrónico; ás  veces con intervención do/a docente e noutras non. As sesións van  incrementando en complexidade e duración, o cal non quere dicir que a secuencia deba seguir esa progresión, máis ben deberemos decidir en función dos tempos e dos contidos que imos abordar.

Esta é a estrutura máis básica para unha clase nun espazo virtual. Comeza co visionado dun vídeo cunhas preguntas que o alumnado ten que ir respondendo de forma individual, seguido dun foro no que traballan en pequenos grupos ou como grupo clase. Finalmente, o alumnado entrega un comentario (pode ser individual ou grupal) onde se concretan en exemplos as conclusións extraídas do foro de debate.
Nesta terceira sesión incorporamos un webinario que permite incorporar as seis prácticas.