A andamiaxe (Hammond e Gibbons, 2005, Wood, Bruner e Ross, 1976) consiste en dividir a aprendizaxe en anacos e, paralelamente, prover unha estratexia ou estrutura para facilitar que o alumnado vaia dun a outro. Para andamiar a instrución, hai que saber o que o alumnado pode facer pola súa conta. Isto é o que se coñece como zona de desenvolvemento próximo, é dicir, a distancia entre o que o alumnado sabe e o que debe/quere aprender. Se a distancia é moita, resultaralle moi difícil ou mesmo imposible. De aí a necesidade de construír o coñecemento coma o andamio dunha casa, como estrutura que se planifica para que todo o alumnado suba dun “piso” a outro de maneira lóxica.
Se algunha persoa ten dificultades para seguir eses pasos, podemos facer unha pausa, ver en que punto está, e modificar a actividade para que pase a estar dentro do alcanzable, da súa zona de desenvolvemento próximo.
No seguinte artigo podes ler sobre como aplicar a andamiaxe nas exposicións en clase. Nestoutra ligazón tamén podes ver un exemplo concreto de aplicación destas estruturas para crear un produto, o museo colaborativo KaleidoScape, proposto por Mª Isabel Cobas Fernández, profesora de Xeografía e Historia no IES Plurilingüe de Ames.