Vai ser unha experiencia excepcional, pero temos que ter moito coidado en atender a nosa saúde visual. Non podemos observar nunca unha eclipse de Sol sen protección, pois podemos sufrir serias lesións nas nosas córneas, unha parte moi sensible dos nosos ollos.
Na radiación emitida pola nosa estrela, podemos atopar o espectro da luz visíbel pero tamén radiación ultravioleta e infravermella. Neste perigo invisible, podemos ter queimaduras severas na retina, que non doen no momento, pero que poden ser irreversibles, dado que as células retinianas van quedar afectadas e, deste xeito, tamén a nosa visión ficará afectada.
Para unha observación directa segura, o único instrumento recomendado son as lentes de eclipse certificadas (ISO 12312-2). Ten en conta que non son lentes de sol normais, pois están feitas con filtros de densidade neutra, extremadamente opacos. As lentes que cumpren a normativa de seguridade (marcado ISO), están construídas cunha montura en cartón ou cartolina onde van insertados dous visores formados por dous polímeros plásticos moi especiais.
Nos filtros podemos atopar dous tipos de polímeros:
• Polímero Negro Baader (Black Polymer): É unha resina plástica con partículas de carbono na súa composición. Filtran o 99,999% da luz visible e case o 100% da radiación infravermella e ultravioleta. A imaxe do Sol vese dunha cor laranxa amarelada e emprégase en telescopios e obxectivos.
• Mylar Aluminizado: É unha lámina de plástico moi delgada, recuberta dunha capa de aluminio. É moi eficaz, aínda que a imaxe do Sol adoita verse de cor branca azulada. É máis delicada e ráiase con maior facilidade. É un dos materiais máis empregados nas lentes.