Horizonte Oeste: a clave do éxito
A eclipse ocorrerá o 12 de agosto de 2026, a última hora da tarde. En Galicia, a totalidade sucederá aproximadamente entre as 20:26 e as 20:30, cando o Sol estará a tan só uns 11 ou 12 graos sobre do horizonte.
• O problema: A esa altura, calquera edificio, árbore, vexetación ou montaña pequena pode tapar a visibilidade do Sol.
• A solución: Hai que buscar lugares co horizonte oeste completamente despexado, preferiblemente a costa ou observatorios elevados. Lembra repasar o relevo local para acadar unha boa observación sen obstáculos.
Por exemplo, na aldea de Santo André de Teixido (Cedeira), coordenadas xeográficas (WGS84 - 4326): -8.1814, 43.6217, o inicio da eclipse total será ás 20h 26' 44'' e rematará ás 20h 28' 27'', cun ángulo sobre o horizonte de 11.8988º e un azimut de 279.28º, é dicir, dirección oeste. A visibilidade será completa, pois non hai barreiras físicas que interrompan a visual entre o emprazamento en terra e o Sol.
Lugares recomendados en Galicia
Para poder observar a eclipse con facilidade, convén procurar un espazo con vistas ao horizonte oeste sen edificios, árbores ou montes que obstaculicen a visión. Ademais, no caso desta eclipse, resulta fundamental que desde ese punto sexa visible o solpor, pois os momentos de maior interese sitúanse na tardiña.
A eclipse será visible en todo o territorio, se ben cómpre indicar que dende algúns lugares será total e noutros será unha eclipse parcial do 99%. Precisamente, por iso, indicamos algúns emprazamentos que poden resultar axeitados para esta observación:
• A cidade da Coruña: Haberá tres puntos de observación excepcionais no Portiño, no Parque de Bens e no Monte de San Pedro. Porén, en cada barrio haberá localizacións idóneas para gozar do momento.
• A comarca de Ortegal: A primeira zona en escurecer de todo o territorio. Como a duración da eclipse nesta zona será máis ampla e, dadas as alturas que teñen moitos dos seus cantís, esta parece unha zona ideal para a observación do fenómeno. O banco da Loiba ou a contorna do Faro de Estaca de Bares poden ser algúns dos puntos de maior interese e afluencia.
• A montaña oriental: As zonas altas que temos por toda a franxa oriental de Galicia son un espazo perfecto para este evento, pois teñen unha moi boa altura e unha menor contaminación luminosa. Dende os Ancares, o Courel ou a Pena Trevinca pode gozarse dunhas moi boas vistas do solpor e, polo tanto, desta eclipse.
Para unha listaxe de concellos e horarios do Día E, recoméndase este recurso de Turismo de Galicia.
O factor "nordés" e a meteoroloxía
O risco das néboas costeiras ou as nubes baixas de retención en agosto, son dos poucos factores problemáticos que poden dificultar o visionado correcto da eclipse. O clima galego está fortemente condicionado pola súa latitude, pola orografía e pola proximidade ao mar. Ás veces, mesmo no verán, pódense formar algunhas néboas ou nubes baixas e a combinación entre anticiclóns e ventos frouxos axudan a conformalas e espallalas.
Na costa galega, sobre todo nas Rías Baixas e na Mariña, é frecuente que aparezan néboas e nubes baixas, incluso en días sen borrascas. O mar, máis frío cá terra, arrefría o aire húmido que se despraza cara ao litoral e fai que condense, dando lugar a esas néboas de advección que poden cubrir unha praia pola mañá e desaparecer poucas horas despois.
No interior galego, as noites tranquilas e sen vento favorecen que o chan perda calor e que o aire frío quede estancado nas capas máis baixas, o que provoca a formación de néboas de irradiación, moi habituais en Lugo e nos vales interiores. Estas néboas adoitan ser densas no abrente, pero van esvaecendo a medida que o sol quenta o chan.
A climatoloxía da época estival en Galicia parece convidar ao optimismo, pois é un momento con menores precipitacións e escasos bancos de néboa mais, como apuntamos, non é imposible que haxa algunhas mostras de nubosidade nesas datas.