Mecánica celeste. Por que ocorre unha eclipse?
Dende os primeiros tempos, a humanidade foi consciente da existencia dos astros celestes que aparecían no firmamento e do seu movemento. O Sol, a Lúa e as estrelas foron observadas con interese por filósofos e científicos nas diferentes épocas. Paralelamente a esta observación, eleboráronse numerosas teorías que explicaban ese movemento e as interaccións entres os diferentes astros.
A mecánica celeste estuda o movemento dos corpos celestes e seguramente che soen nomes como Tales de Mileto, Copérnico, Kepler, Galileo Galilei, Caroline Herschel, Henrietta Swan Leavitt ou Assumpció Catalá. Todos e todas elas foron importantes polos seus estudos e propostas centradas na Astronomía.
Dentro da mecánica celeste é importante ter claros algúns conceptos básicos:
- Sicixia. É o aliñamento perfecto entre os tres corpos celestes: o Sol, a Lúa e a Terra. Nesta excepcional posición espacial os tres corpos teñen os seus centros en liña recta.
- Proporción cósmica. Grazas a esa coincidencia lineal e a pesar da diferenza de tamaños (o Sol é 400 veces máis grande cá Lúa, pero está 400 veces máis lonxe). permite que encaixen case perfectamente no noso ceo e que os tamaños parezan semellantes.
- Eclipse. Esta fenómeno astronómico fai referencia ao aliñamento da Terra, o Sol e a Lúa. O corpo situado no medio proxecta a súa sombra sobre o outro. Temos, entón, dúas posibilidades que darán lugar aos dous tipos de eclipse:
-Eclipse de Lúa. A Terra queda situada entre o Sol e a Lúa polo que podemos observar o escurecemento da Lúa pola sombra da Terra.
-Eclipse de Sol: Neste caso a Lúa queda entre o Sol e a terra e a súa sombra proxéctase sobre o noso planeta. Nesta posición pódese observar o Sol tapado total ou parcialmente pola Lúa.
Eclipses solares
As eclipses poden ser totais, parciais ou anulares. Que vai pasar nos próximos tres anos?

Cando se produza a eclipse total (2026, 2027), poderemos observar unha secuencia e movemento progresivo da Lúa. O noso satélite irá tapando pouco a pouco o Sol ata localizarse nunha superposición completa. Neste momento, só se observará un círculo de cor escura (a Lúa) tapando por completo o Sol. Este intre máxico ten unha duración moi limitada. Estamos a falar dun minuto, aproximadamente.
No caso da eclipse anular (2028), observarase unha zona brillante, como un anel, delimitada pola posición da Lúa, xa que esta está posicionada máis lonxe da terra e non tapa o Sol por completo.
Visualizador eclipse do IGN
A continuación, podes servirte deste recurso xerado polo Instituto Geográfico Nacional (en adiante, IGN) para a visualización das diferentes variables que interveñen nunha óptima posición para observar a eclipse solar total do 12/8/2026, como é caso da orientación, a hora, etc.
Simplemente, introduce o código postal ou as coordenadas do punto no que te emprezarás esa xornada e investiga as diferentes variables.
Se prefires utilizar o recurso nunha pestana diferente fóra desta actividade, accede a través da ligazón que aparece no pé.