Adestrar para un uso correcto das lentes do eclipse pode ser unha boa estratexia para ter clara a mecánica que empregaremos e tamén para guiar outras persoas. Sigamos uns pasos sinxelos:
1. Inspección previa: Antes de poñer as lentes cómpre facer unha inspección mirando a lente contra unha lámpada forte. De observarse algunha picada de luz, unha raia ou un poro, esa lente tírase ao lixo inmediatamente, pois é perigosa.
2. Poñer as lentes de costas: O alumno debe mirar cara ao lado contrario ao Sol, colocarse as lentes suxeitándoas ben, axustalas á súa anatomía e só entón virarse para buscar o Sol.
3. Descansos: Idealmente non debemos manter unha observación prolongada, o ideal son observacións de 30-60 segundos, e logo descansar a vista baixando a cabeza.
4. Quitar as lentes: Primeiro virarse para dar as costas ao Sol, e logo quitalas.
3. Precaucións especiais para 2026: Ao ser unha eclipse tan baixa no horizonte en Galicia, existen riscos específicos que non ocorren noutras eclipses:
- A tentación do filtro natural. En Galicia, a eclipse será moi preto do atardecer. O Sol verase avermellado porque a atmosfera escuréceo e parece que "non molesta" e que "non queima", pero os raios infravermellos e ultravioletas seguen presentes. Non baixedes a garda: o risco de lesión na retina é o mesmo que ao mediodía. As lentes son necesarias ata o último segundo antes da totalidade.
- Baixo ningunha circunstancia, débense usar as lentes de eclipse para mirar a través duns prismáticos, telescopio ou cámara fotográfica. O instrumento óptico concentra a luz como unha lupa e queimará o filtro da lente (e o teu ollo) en menos dun segundo. O filtro sempre debe ir diante do obxectivo do telescopio, non diante dos teus ollos se usas aparellos.