A integración da AMI en Educación Infantil debe realizarse de forma transversal e adaptada ás características do alumnado, empregando o xogo e a mediación docente como ferramentas centrais. As metodoloxías activas permiten deseñar secuencias de actividades que fomenten a participación, a reflexión e o desenvolvemento da comprensión lectora, traballando de maneira globalizada e significativa.
Entre as propostas destacadas,
- A Aprendizaxe Baseada en Xogos (ABX) permite que as alumnas e os alumnos se convertan en “detectives da información”, e que investiguen noticias, imaxes e sons para desenvolveren a capacidade de análise e de discriminación de información.
- A Aprendizaxe Cooperativa fomenta a colaboración mediante proxectos como a creación de libros de contos multimedia, combinando texto, imaxe e son e fortalecendo a comunicación e expresión en distintos formatos.
- Ademais, a metodoloxía de recantos promove a exploración libre e guiada de diversos medios (libros, revistas, tabletas, gravadoras, cámaras), estimulando a creatividade, o interese pola información e a alfabetización mediática desde idades temperás.
En conxunto, estas estratexias permiten achegar os nenos e nenas ás distintas linguaxes (verbal, non verbal, visual, sonora e dixital) e sentan as bases para unha futura lectura crítica e unha comunicación significativa.