A semana pasada, o alumnado de 4º de ESO que cursa a materia de Economía e Emprendemento participou nunhas charlas formativas impartidas por Ana Mª Pomar, profesional do Banco Santander, dentro do programa Finanzas para Mortales, integrado na iniciativa EduEmprende Galicia.
Durante estas sesións, o alumnado puido afondar en aspectos fundamentais da educación financeira, especialmente relacionados coa xestión das contas bancarias. Abordáronse contidos como o funcionamento das contas e depósitos á vista, os diferentes tipos de tarxetas bancarias e as súas características, así como as principais operacións habituais (transferencias, banca dixital, ...).
Así mesmo, tratáronse cuestións clave sobre operacións financeiras, como o endebedamento responsable, as diferenzas entre préstamo e crédito, e unha aproximación aos préstamos hipotecarios.
A actividade resultou moi enriquecedora, xa que permitiu ao alumnado achegarse de maneira práctica e comprensible a conceptos económicos esenciais para a súa vida cotiá.
Desde o centro queremos agradecer especialmente a amabilidade, profesionalidade e implicación de Ana Mª Pomar, así como a súa contribución a achegar o mundo financeiro ao alumnado, favorecendo unha mellor comprensión do contorno económico no que viven.


