Saltar navegación

Licenzas

Como dixemos anteriormente, a principal diferenza entre un REA e calquera outra material educativo é a licenza de uso. Imos coñecer un pouco máis acerca dos dereitos de autor e as licenzas para ter claro que é un REA e que non. Con todo, no módulo 3 afondamos nas licenzas e dereitos de autor dentro do proxecto cREAgal. Así mesmo, o apartado 3.4 Sobre licenzas da Guía técnica e de deseño do proxecto cREAgal trata este tema aplicado á creación de REA.

Dereitos de autor e licenzas de uso

Os dereitos de autor son aqueles que ten a persoa creadora dunha obra desde o momento da súa creación, independentemente de que estea rexistrada ou non. Estes dereitos inclúen dereitos morais (aqueles relacionados co recoñecemento da autoría e o respecto á integridade da obra) e dereitos de explotación (aqueles que permiten obter un beneficio económico da reprodución, distribución, transformación e comunicación pública da obra). A persoa autora da obra pode facer uso do seu dereito exclusivo de explotación da obra durante un prazo de tempo. 

Licenzas de uso
CEDEC. Infografía "Quen protexe os dereitos?" (CC BY-SA)

Unha vez rematado ese prazo a obra entraría no que se denomina Dominio Público: a persoa autora seguirá sendo "a nai ou o pai" da obra pero poderá ser explotada por calquera outra persoa sen o seu previo consentimento. As licenzas abertas permiten que, durante ese prazo de tempo no que a persoa autora ten a exclusividade dos dereitos de explotación, outras persoas usuarias poidan utilizar a obra en determinados casos e baixo determinadas condicións establecidas polo autor ou pola autora. Entre as licenzas abertas destacan as licenzas Creative Commons, un sistema sinxelo e rápido a través do cal un autor pode licenciar a súa obra indicando as condicións de uso.

Licenzas Creative Commons

As Licenzas Creative Commons (CC) son un sistema moi sinxelo que nos permite compartir o noso material con outros usuarios sen necesidade de que teñan que solicitar permiso nin pagar por iso. Coa simple inclusión dunha destas licenzas nunha obra, o autor dá permiso a calquera usuario para utilizala baixo as condicións da licenza concreta. Por tanto cando un usuario atopa un material licenciado con CC sabe que pode usalo de forma legal e gratuíta sen necesidade de solicitar permiso, sempre que cumpra as condicións indicadas.

A continuación presentamos as seis licenzas CC e as súas condicións de uso:

Combinacións de licenzas CC
CEDEC. Licenzas Creative Commons (CC BY-SA)

Licenzas recomendadas para os REA

Como vimos anteriormente, os dereitos de autor reservan todos os dereitos de explotación dunha obra para o autor ou a autora, no Dominio Público non hai dereitos de explotación reservados e as licenzas CC permiten o autor ou a autora decidir que dereitos de explotación cede e en que condicións. Isto permítenos debuxar o seguinte "semáforo de licenzas", no que se ordenan as licenzas desde a máis restritiva até a máis libre.

Estritamente falando, os materiais licenciados con CC BY-ND e CC BY-NC-ND non se consideran REA posto que non permite a súa transformación. O resto das licenzas si. Con todo, como se sinala na imaxe, as licenzas que cumpren os requisitos de "Obra de cultura libre" son CC BY-SA, CC BY e Dominio Público, porque permiten a máxima distribución da obra e, por tanto, do coñecemento.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)