O termo recurso educativo aberto (REA) designa a materiais de aprendizaxe, ensino e investigación, en calquera formato e soporte, de dominio público ou protexidos por dereitos de autor e que foron publicados cunha licenza aberta que permite o acceso a eles, así como a súa reutilización, reconversión, adaptación e redistribución sen custo algún por parte de terceiros (UNESCO, 2019).
A diferenza fundamental, por tanto, entre un REA e calquera recurso dispoñible na rede é a licenza: os REA son contidos de uso educativo que están en dominio público ou que foron publicados con licenza aberta que permite a súa reutilización, adaptación á aula, modificación e difusión na comunidade educativa. En definitiva os REA implican material para difundir, motivar e xerar unha nova cultura educativa baseada en novos contidos educativos. Son recursos que se ofrecen a docentes, familias, alumnado e a calquera persoa interesada na educación xa que mediante o seu uso, modificación, difusión e mellora podemos adaptar o contido da nosa materia e contexto, mediante o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
Que achegan os REA á miña práctica docente?*
Por que crear materiais novos cando existe unha gran cantidade de recursos xa creados? Por que non partir de materiais existentes e melloralos, actualizalos, traducilos, utilizar unha parte deles, combinalos con outros e redistribuílos?
Cando en 1676 Isaac Newton escribiu a famosa frase “Se vin máis aló é porque subín aos ombreiros de xigantes” nunha carta dirixida a Robert Hooke, transmitíanos a idea de que o coñecemento que el xerara baseábase nos coñecementos achegados por outros científicos antes que el.
Na actualidade, e grazas aos grandes avances da tecnoloxía, é máis fácil que nunca crear contidos dixitais, compartilos e localizalos nas redes. De feito, o profesorado acode con moita frecuencia a Internet co obxectivo de buscar recursos para incluír nos seus materiais ou usar na súa aula: un vídeo para proxectar, unha imaxe para ilustrar, unhas tarefas para ofrecer ao alumnado, unha secuencia didáctica para desenvolver na aula… Quen non pensou aquilo de: “Seguro que alguén creou algo parecido ao que eu necesito”?.
E seguro que así é, pero difundiuno? E se o difundiu, ten unha licenza que me permita utilizalo? E se podo utilizalo, teño que pagar algo? E se é gratuíto, podo modificalo para adaptalo á miña aula? Porque falamos de utilizar materiais xa creados, pero é fundamental adaptalos ao noso contexto, ao noso alumnado, á nosa forma de organizar as clases.
Neste sentido, os recursos educativos abertos (REA) garántennos a posibilidade de dispoñer de materiais de libre acceso e modificación de forma completamente gratuíta.
Pero que son os recursos educativos abertos? Son materiais para o ensino, a aprendizaxe ou a investigación, en calquera formato e soporte, que están en dominio público ou que, se están protexidos por dereitos de autor, foron publicados cunha licenza que permite o acceso a eles, así como a súa reutilización, reconversión, adaptación e redistribución sen custo algún (UNESCO, 2019).
Desta definición derívanse tres características principais:
Son educativos. Utilizados no ensino, a aprendizaxe ou a investigación.
Son gratuítos. Non supoñen custo algún para a persoa que accede a eles.
Están no dominio público ou a súa licenza permite a súa modificación (importante, non todas as licenzas o permiten).
Con todo, ademais destes requisitos básicos para considerar un material como REA, deberíanse cumprir outros tres aspectos importantes, de forma que realmente poidan ser utilizados e modificados por todos e todas:
Contido accesible. Deben respectar as pautas de accesibilidade recomendadas para que as persoas usuarias con diferentes capacidades poidan acceder a eles. Cantas máis persoas poidan acceder e consultar estes recursos, máis abertos serán.
Facilmente editables. Deben estar creados ou poder ser editados cunha ferramenta gratuíta, sinxela e multiplataforma, como eXeLearning, ofrecendo en todo caso o código fonte do material. Canto máis fácil sexa o proceso de modificación, máis aberto será o recurso (ver Avaliación de ferramentas de edición de REA: o modelo ALMS).
Materiais innovadores. Se o obxectivo dos REA é crear ou modificar un recurso para compartilo con toda a comunidade e que outros docentes poidan utilizalo, adaptalo e redistribuílo, acheguemos valor, acheguemos un material que mellore a educación en calquera dos sentidos. En palabras de Pablo Nimo, “os recursos educativos abertos nunca estarán ao servizo do de sempre, son unha ferramenta de cambio e innovación”.
Existen multitude de recursos libres (imaxes, vídeos, audios…) dos que podemos dispoñer para utilizar en clase ou para incorporalos aos nosos materiais, cumprindo cos requisitos da súa licenza. Tamén secuencias didácticas creadas por docentes para a súa aula e que deciden compartilos cos demais, ou ofrecidas a través de proxectos institucionais de creación de REA como o proxecto EDIA de CEDEC, o REA/DUA de Andalucía ou cREAgal de Galicia.
Estes recursos educativos abertos dispoñibles para o seu uso na aula deben ser materiais de calidade (ver lista de control de calidade dun REA) que favorezan os procesos de ensino e aprendizaxe, e que faciliten a súa adaptación e mellora. Ademais, este proceso de utilización, revisión e modificación de materiais favorece a comunicación e a colaboración entre docentes e a creación de redes.
Non sempre hai que crear materiais desde cero. Podemos utilizar e mellorar os existentes. E en caso de crealos, compartámolos para que o profesorado interesado poida utilizalos e adaptalos. A dispoñibilidade de REA de calidade promove a continua actualización, revisión e adaptación dos materiais educativos, o fomento dunha mellora incuestionable nos procesos de ensino aprendizaxe, a creación de redes de colaboración docente e unha educación inclusiva dispoñible para todos e todas
Os Recursos Educativos Abertos foron considerados como a "punta de lanza da Educación Aberta", entendida como unha educación accesible para todos e todas que permite ademais a participación activa de todos os colectivos, polo que se amplía o campo de acción desde a educación formal á educación non formal, abarcando todas as etapas vitais dos individuos e sendo, en definitiva, educación para toda a vida.
Un fito nos inicios formais do concepto “Educación Aberta” foi a Declaración de Cidade do Cabo de 2008, resultado da reunión organizada en Suráfrica en 2007 polo Instituto Open Society e a Fundación Shuttleworth. Os participantes identificaron ideas claves e planificaron estratexias para desenvolver a Educación Aberta.
O concepto de Educación Aberta promove a participación activa de institucións, docentes e estudantes para adherirse ao movemento e facer dispoñibles en liña recursos didácticos de calidade, accesibles para todos e todas, con independencia do nivel de ingresos ou a localización xeográfica. En consecuencia, é unha aposta por un desenvolvemento sostible en educación, fomentando a equidade educativa en todos os niveis.
En xuño de 2012 tivo lugar na sede da UNESCO en París o I Congreso Mundial de Recursos Educativos Abertos cuxo froito foi a Declaración de París sobre Recursos Educativos Abertos (REA) que fai un chamamento aos gobernos para investir neste tipo de recursos que garanten o acceso universal á educación de calidade.
O II Congreso Mundial sobre REA tivo lugar en Liubliana en 2017, ofrecendo un Plan de Acción sobre os REA para apoiar unha educación de calidade que sexa equitativa, inclusiva, aberta e participativa. O Plan de Acción materializa o obxectivo número catro da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (2015), que insta á comunidade internacional a “garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos”.
Por mor destes congresos e declaracións oficiais, apoiadas pola UNESCO e gran cantidade de institucións educativas, a bibliografía e webgrafía acerca da Educación Aberta e os REA multiplicouse pero, en todos os casos, faise referencia á Declaración Universal dos Dereitos Humanos que afirma que todo individuo posúe dereitos e liberdades fundamentais, dos que forma parte o dereito a recibir e a difundir informacións e ideas por calquera medio de expresión e sen limitación de fronteiras (artigo 19), así como o dereito á educación (artigo 26).
En conclusión, os REA poden ser considerados a punta de lanza da Educación Aberta.
O proxecto cREAgal ofrece recursos educativos en aberto ao profesorado facilitándolle un cambio metodolóxico na aprendizaxe a través dun enfoque competencial. Estes REA ademais poden adaptarse ao contexto da aula e do centro no que se empreguen.
O profesorado pode modificar e/ou adaptar o contido cREAgal a través da ferramenta eXeLearning. De xeito sinxelo, tamén pode inserilo na súa aula virtual Moodle a través dun paquete SCORM e modificalo directamente desde ela.
CREAgal parte das unidades didácticas das programacións modelos de Proens. O alumnado adquire os contidos solucionando un reto nun contexto real a través dunha situación de aprendizaxe e traballando con metodoloxías cooperativas e colaborativas.
Nos módulos deste curso afondaremos nas características do proxecto cREAgal, as cales se atopan amplamente descritas nas súas guías :