Saltar navegación

Avaliación

A Avaliación Formativa

Podemos definir a avaliación como o conxunto de actividades programadas para recoller información sobre a que profesorado e alumnado reflexionan e toman decisións para mellorar as súas estratexias de ensino e aprendizaxe. Avaliar é máis que cualificar. Unha avaliación formativa céntrase na compresión do funcionamento cognitivo do estudante fronte ás tarefas que se lle propoñen: busca comprender por que un alumno non sabe facer unha tarefa e axúdalle a identificar os seus erros.

Segundo Cristóbal Cobo, a avaliación é a innovación pendente xa que, aínda que vivimos nun momento de efervescencia e cambios metodolóxicos, estas novas prácticas deben levar un cambio profundo na maneira de avaliar.

Avaliación e aprendizaxe

Que, como, cando e quen avalía

Avaliación
Itziar López. Avaliación (CC BY-SA)

Instrumentos e procedementos

Segundo a lexislación vixente, e en consonancia cos principios anteriormente expostos, a nosa forma de avaliar debe ser variada, sendo incoherente escoller só un procedemento de avaliación.

Procedementos de avaliación

Os procedementos responden a como leva a cabo a recollida de información. Unha clasificación tradicional pode ser por medio de: a observación na aula (observancia de interaccións na aula por exemplo); a análise das producións do alumnado (traballos, tarefas, produtos...); os intercambios orais (por exemplo exposicións orais), as probas específicas e cuestionarios (exames, tipo test...); e a autoavaliación e coavaliación (procedementos para avaliar a propia aprendizaxe e para avaliar a aprendizaxe dos compañeiros).

Instrumentos de avaliación

Os instrumentos responden os documentos ou rexistros utilizados para recoller a información. Dunha maneira xeral, podemos distinguir:

1. Instrumentos asociados á observación: as listas de control ou as escalas de observación.

2. Instrumentos asociados á análise de producións do alumnado: as rúbricas de avaliación, o portfolio, os textos escritos e producións de todo tipo, a resolución de exercicios e problemas...

3. Instrumentos asociados aos intercambios orais: a asemblea, as exposicións e postas en común, as entrevistas...

4. Instrumentos asociados ás probas específicas e cuestionarios: exames e tests.

5. Instrumentos asociados á autoavaliación e coavaliación: o diario de aprendizaxe, a diana de avaliación ou a escala de metacognición.

O porfolio, a rúbrica de avaliación, a diana de avaliación e o diario de aprendizaxe destacan xa que proporcionan información moi importante sobre o proceso de aprendizaxe, facilitando o feedback e por tanto unha avaliación verdadeiramente formativa, sen menoscabo doutros instrumentos que tamén son importantes como poden ser as probas obxectivas.

Podemos atopar exemplos de rúbricas, persoais e documentos de avaliación no Banco de rúbricas e outros documentos de Cedec.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)