Saltar navegación

Ensino Directo

O modelo de ensino directo é unha estratexia centrada no docente que utiliza a explicación e a modelización como estratexia principal de ensino-aprendizaxe, ensina conceptos e habilidades combinando a teoría e a práctica.

É o docente o que asume a responsabilidade na aula ao desempeñar un rol activo, explicando ao alumnado. É un proceso altamente estruturado no que se ofrecen numerosas oportunidades para practicar.

Segundo Eggen e Kauchak (2005) é un modelo que se organiza en catro etapas:

  1. Introdución: o docente revisa cos estudantes o aprendido previamente, comparte as metas da aprendizaxe e proporciona razóns sobre o valor de aprender o novo contido.
  2. Presentación: o docente explica o novo concepto ou destreza.
  3. Práctica guiada: o docente brinda ao alumnado oportunidades para practicar esta destreza ou categorizar exemplos do novo concepto.
  4. Práctica independente: pídeselle ao alumnado que practique a habilidade ou o concepto por si mesmos, o que estimula a transferencia.

Este modelo está centrado no docente que é quen desempeña un papel primordial na estruturación do contido, na explicación do mesmo e no uso de exemplos para facilitar a comprensión. Con todo, isto non significa que os estudantes sexan pasivos xa que se o modelo se aplica eficazmente, estes son comprometidos activamente por medio de preguntas, exemplos e a práctica.

Unha idea central que guía os patróns de interacción no modelo de ensino directo é a de transferencia da responsabilidade. Na primeira parte da clase, o docente asume a responsabilidade de explicar e describir o contido. A medida que a clase progresa e os alumnos comezan a comprender o contido ou a habilidade, asumen maior responsabilidade para resolver problemas e para analizar exemplos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)