A metodoloxía vén definida na lexislación educativa vixente como un conxunto de estratexias, procedementos e accións organizadas e planificadas polo profesorado, de maneira consciente e reflexiva, coa finalidade de posibilitar a aprendizaxe do alumnado e o logro dos obxectivos expostos. Por tanto, a metodoloxía didáctica implica escoller entre diferentes estratexias de ensino e aprendizaxe.
Á hora de deseñar o noso REA, a metodoloxía constitúe unha parte fundamental que debe partir de:
- Unha profunda reflexión sobre como é o noso alumnado (o contexto sociocultural, as súas experiencias previas de aprendizaxe, as súas expectativas e motivación, os seus centros de interese...)
- Os obxectivos, contidos, criterios e estándar, así como competencias que desexamos traballar cos alumnos.
Por exemplo, se pretendemos abordar unha determinada aprendizaxe competencial no noso alumnado debemos escoller estratexias de ensino-aprendizaxe que favorezan a adquisición desas competencias. Ademais, conforme desenvolvamos a nosa metodoloxía, debemos axustar posteriormente a avaliación á mesma.
En palabras de Pablo Nimo, "os recursos educativos abertos nunca estarán ao servizo do de sempre, son unha ferramenta de cambio e innovación".