O traballo, o esforzo e a constancia adoitan dar os seus froitos. Despois de todo un curso traballando no Reto L’Oréal, enmarcado no programa InnovaTech da Xunta de Galicia, o equipo formado por Jose Estévez, Javier Guisande, Daniela Paredes e Anxo Campos , alumnado de 1º de Desenvolvemento de Aplicacións Web, coordinados pola profesora Marta Rey, foi galardoado co premio á mellor solución presentada neste reto.
O desafío consistía en deseñar unha plataforma dixital integral que permitise a xestión completa dun salón de peiteado. O equipo desenvolveu Maneva (https://maneva.iesteis.gal), unha solución real formada por dúas aplicacións operativas: unha dirixida á clientela e outra ao propio salón.
A proposta incorpora funcionalidades como reservas multicanle dispoñibles as 24 horas, cobertura automática de cancelacións, xeración de contido para redes sociais con intelixencia artificial, recepcionista telefónica e cumprimento de VeriFactu desde o primeiro día.
Un dos elementos máis destacados do proxecto é a súa adaptación ao contexto do rural galego. Maneva inclúe unha funcionalidade de rutas compartidas a domicilio: cando unha profesional planifica visitas nunha zona determinada, a aplicación avisa á clientela próxima para poder agrupar citas nun mesmo percorrido. Deste xeito, optimízanse os desprazamentos, redúcense quilómetros e facilítase o acceso ao servizo a persoas que non poden achegarse ao salón.
Ademais, o proxecto foi deseñado para que ninguén quede fóra. Por iso incorpora modo sinxelo, integración con WhatsApp, axente de voz e posibilidade de delegación familiar. A tecnoloxía emprégase para simplificar procesos e mellorar a atención, sen perder o trato próximo coa clientela. Ese é, precisamente, un dos grandes valores diferenciais de Maneva.
Foron moitas horas de traballo, aprendizaxe compartida, esforzo e ilusión ao longo de todo o curso. Este recoñecemento supón tamén un importante impulso para o futuro do proxecto, xa que o premio está dotado con 10.000 euros destinados ao seu desenvolvemento, que se levará a cabo durante o vindeiro curso.
Desde o centro queremos felicitar o noso alumnado polo excelente traballo realizado e polo premio conseguido. Noraboa!
