Do 4 ao 9 de maio, a profesora Cristina Gómez Alonso, do departamento de Informática, desfrutou da súa primeira mobilidade Erasmus+, realizada na cidade de Tbilisi, capital de Xeorxia.
O obxectivo desta viaxe foi participar na 12th Staff Week, organizada pola Universidade Estatal de Tiflis, un encontro internacional orientado a establecer vínculos entre profesionais de distintas institucións europeas e fomentar futuras colaboracións. Entre elas, destacan a búsqueda de mobilidades laborais para alumnado de FP, experiencias de job shadowing para profesorado e a creación de novos consorcios internacionais.
Sen dúbida, a experiencia resultou moi enriquecedora, tanto polo coñecemento adquirido sobre o potencial do programa Erasmus+ como pola interculturalidade presente durante toda a semana, na que participaron representantes de 16 países europeos.
Ademais, Xeorxia, situada entre Europa do Leste e Asia, destaca pola súa rica e singular historia. A súa localización estratéxica, próxima a Rusia e no antigo camiño da Ruta da Seda, convertea nun país cheo de contrastes culturais e históricos. Un lugar onde aínda se perciben as pegadas dun pasado recente marcado polos conflitos, pero tamén o desexo dun futuro renovador, sustentado nunha educación aberta, libre e de calidade.
