O noso alumnado do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web (DAW) vén de asinar unha brillante participación no Impacthon, unha intensa hackathon organizada na Escola de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela polo grupo GDG Developers. Para catro dos nosos estudantes, o evento serviu ademais como un adestramento inmellorable, xa que son finalistas do reto de L’Oréal no programa InnovaTech FP da Xunta (onde desenvolven unha solución dixital para a xestión integral de salóns de perruquería) e esta fin de semana permitiulles afinar as súas habilidades nun contorno real de alta competición.
O reto LocalFold
Durante o encontro, os estudantes Anxo Campos Castro, Jose Estévez Saborido, Javier Guisande Moreira e Daniela Paredes Barbosa fixeron equipo con outros dous compañeiros do mesmo ciclo, Ángel Enrique Caballero Alonso e Álvaro Estévez Pazos, para centrarse no reto LocalFold. A proba, proposta pola Cátedra Camelia, consistía en crear unha interface web intuitiva para a predición de estruturas de proteínas con AlphaFold 2, conectada ao supercomputador FinisTerrae III do CESGA.
Para afrontar o desafío con garantías, o equipo demostrou unha gran visión profesional e buscou entender de primeira man as necesidades reais dos futuros usuarios da ferramenta, establecendo contacto cun estudante de biotecnoloxía. Malia dominaren o eido biolóxico, moitos destes perfís non están familiarizados co funcionamento de aplicacións informáticas complexas, polo que o noso alumnado tivo que adaptar a súa investigación ao fluxo de traballo real do investigador, analizando os seus pasos e dificultades concretas.
Esta conversa non só lles permitiu deseñar unha interface accesible para distintos perfís (como estudantes, investigadores ou biólogos), senón que tamén lles fixo ver a complexidade da materia en si. Como resposta, demostrando unha gran madurez técnica, decidiron incorporar á súa solución un módulo didáctico interactivo, baseado na aprendizaxe progresiva por retos curtos, pensado para axudar aos usuarios a familiarizarse cos conceptos de predición de estruturas proteicas mentres usan a aplicación.
Foron 36 horas de traballo intenso e moi poucas horas de sono, nun evento que reuniu máis de 140 participantes, na súa gran maioría universitarios. É aquí onde o logro acada un valor especial para nós: o noso alumnado de Formación Profesional conseguiu competir en igualdade técnica con perfís de grao e máster, sacando adiante o seu produto mínimo viable e demostrando unha capacidade de adaptación e solvencia espectaculares.
Dobre éxito para o noso instituto
Ao remate da competición, a ledicia foi inmensa: o noso equipo acadou o segundo posto no seu reto e situouse no top 5 da clasificación xeral, un recoñecemento moi salientable tendo en conta a tremenda esixencia do formato. Ademais, pechamos unha fin de semana redonda para o IES de Teis grazas a Brais Rodríguez Serodio, tamén alumno de DAW, que competiu neste mesmo reto e formaba parte do equipo que acadou o primeiro posto da súa categoría.
Máis alá do enorme fito técnico, o Impacthon foi para eles unha inmersión total na realidade do sector tecnolóxico. A experiencia permitiulles pór en práctica habilidades esenciais que van moito máis alá do código: desde conectar con expertos do sector e estudantes doutras disciplinas, ata o reto de defender o seu proxecto nunha presentación final ante o xurado.
Afrontar este desafío contrarreloxo reforzou a súa axilidade na toma de decisións e a súa resiliencia. Desde o IES de Teis non podemos estar máis orgullosos de ver como demostran, con cada paso que dan, que están sobradamente preparados para dar o salto ao mercado laboral. Parabéns!
