Profesionalmente, Cunqueiro debe definirse como xornalista, traballo que desempeñou dende o ano mesmo que abandonou os estudos universitarios. A escrita de artigos xornalísticos de todo tipo, propicioulle unha grande oportunidade para empregar moitos e moi variados pseudónimos. Non só iso, nunha sección dun seu poemario denominada “Poemas apócrifos”, Cunqueiro entregou 13 textos que eran supostas traducións de autores estranxeiros; pois ben, en realidade tratábase de poemas escritos polo propio Cunqueiro atribuídos (por el) a persoas nórdicas, italianas ou romanesas que realmente non nunca existiran. Nomes como John Stepnan O’Toole, Annie Crossband ou John Hanne-Milton xurdiron da imaxinación do autor de Mondoñedo, así coma os poemas teoricamente traducidos.
De entre todos os pseudónimos, o que máis relevancia ten é o famoso Al Farish ibn Iaquim Al Galizi, que non é máis ca unha preciosa homenaxe a seu pai. Este personaxe é o encargado de traducir as memorias de Sinbad en Se o vello Sinbad volvese ás illas: trátase dun narrador externo que se limita a coller as memorias de Sinbad e traducilas. Con este recurso Cunqueiro logra darlle verosimilitude á historia; é o que se chama técnica do manuscrito encontrado.
Pero, por que é unha homenaxe a seu pai? Intenta descubrilo con axuda desta táboa; fíxate na sonoridade! Unha pista, o seu pai chamábase Xoaquín...