Saltar navegación

A narración

Cunqueiro foi un escritor “total”, pero o maior recoñecemento que recibiu en vida foi polos seus textos narrativos. Non é de estrañar, porque Cunqueiro pasou a infancia “á escoita” dos contos arredor da lareira familiar e das historias que circulaban no faladoiro da botica de seu pai, ademais da proverbial facilidade de súa nai para contar historias evocando situacións, describindo personaxes e suxerindo desenlaces.

Carátula Os outros feirantes
Fernando Pazos García. Carátula Os outros feirantes (CC BY-NC-SA)

Dentro dos narradores de posguerra, Cunqueiro cultivou a narración fantástica. Foi quen de crear un universo narrativo propio combinando realidade, fantasía e humor. A obra narrativa en galego concéntrase en seis libros, tres novelas e tres conxuntos de relatos.

Novelas

En dúas das primeiras toma como referencia figuras clásicas da literatura universal (Merlín e Sinbad). Teñen, ademais, un marcado carácter fragmentario xa que están integradas por outras historias que se aniñan unhas dentro doutras. Esta característica para moitas persoas críticas literarias fai que non se separen moitos as novelas dos relatos.

  • Merlín e familia, 1955
  • As crónicas do Sochantre, 1956
  • Se o vello Sinbad volvese ás illas, 1961

Relatos

Pola súa banda, nos relatos fai unha escolma de personaxes que coñeceu ou imaxinou dende a súa infancia. Todos eles levan por título o nome da persoa sobre a que conta a historia. Neles mestura elementos da realidade con impresións propias, todo adobiado cunha desbordante fantasía e unha boa achega de humor. Os tres relatos son recoñecidos polo propio autor como unha unidade xa que nuns aparecen personaxes, lugares e circunstancias doutros, creando desta maneira un macrotexto homoxéneo.

  • Escola de menciñeiros, 1960
  • Xente daquí e dacolá, 1971
  • Os outros feirantes, 1977