Calero_en_Santiago_de_Compostela (Dominio público)
Álvaro Cunqueiro ostenta o honor de ser o escritor galego que mellor compaxinou os tres grandes xéneros literarios a través da poesía, da prosa e do teatro, sen deixar de lado as facetas de tradutor, xornalista e crítico culinario. Fixo da imaxinación a súa bandeira e do amor a Galicia e ao galego o seu escudo. Non é casual que no seu epitafio rece este fermosísimo desexo: “Eiqui xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
O neno naceu no ano 1911 en Mondoñedo, onde a súa familia tiña unha botica, malia ser seu pai de Cambados e súa nai de Riotorto. Este lugar converteuse axiña nun espazo esencial por onde pasaban a diario ducias de persoas e paraban a contar as súas historias, historias que Cunqueiro máis tarde tomaría como base para moitos dos seus relatos, incluso para construír o seu xeito de escribir.
Estudou o bacharelato no Instituto Xeral de Lugo e logo a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, a cal non remataría para se dedicar ao xornalismo. Alí entrou en contacto con outros intelectuais como Francisco Fernández del Riego, Gonzalo Torrente Ballester ou Carvalho Calero, entre outros.
Durante a Guerra Civil non foi represaliado grazas á ideoloxía conservadora da súa familia. Colaborou con diferentes revistas e xornais de corte falanxista dende Vigo até Donostia, pasando por Madrid, até que no ano 1944 o seu afastamento dos postulados franquistas era tan evidente que lle retiraron o carné de xornalista. Nese momento regresa a Mondoñedo onde inicia a súa etapa literaria máis fecunda co libro de poemas Dona de corpo delgado (1950) ou o inmorredoiro Merlín e familia (1955).
No 1960 foi nomeado cronista oficial de Mondoñedo e tres anos máis tarde, no 1963, ingresaría na Real Academia Galega na vacante de Ramón Cabanillas co discurso Algunhas imaxinacións sobre tesouros.
Nos últimos anos da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos, como o nomeamento Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1980. Faleceu no 1981 contando 70 anos de idade.
Podes atopar máis información na web da súa casa-museo:
Tamén podes acceder a ela a través da seguinte ligazón: https://www.casamuseoalvarocunqueiro.es/gl/