Os Precursores foron un grupo de poetas que desenvolveron a súa obra durante o segundo terzo do século XIX. Aproveitaron o pulo da literatura de circunstancias de comezos de século para continuar publicando timidamente textos en galego. Comparten unha serie de características temáticas comúns: Galicia e a súa paisaxe, a defensa da lingua e da cultura galega, cadros costumistas, o amor, a saudade e a nostalxia, e mais a preocupación pola situación política e social de Galicia.
Merece unha especial atención a publicación do Álbum de la Caridad (1862), xa que foi a mostra antolóxica da nosa literatura en tempos modernos, e serviu para visibilizar a literatura feita en Galicia. Os textos son que se presentaran ao certame literario organizado o ano anterior, os famosos Xogos Florais da Coruña (1861), ao que concorreron máis de corenta autores e autoras, entre os que destacan Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Estes Xogos foron organizados a imitanza doutros que se realizaran en Cataluña, os Jocs Florals, dous anos antes para enxalzar as súas letras.
Outros autores desta época son Nicomedes Pastor Díaz, Antonio Benito Fandiño, Alberto Camino ou o revolucionario Francisco Añón que foi galardoado neses Xogos Florais do 61 polo coñecido poema “A Galicia”.