...lonxe de cortar, cultivaban as maceiras de Sodoma
Este pequeno fragmento de texto, "...lonxe de cortar, cultivaban as maceiras de Sodoma", vainos servir para estudar tres figuras retóricas: a metáfora, o símbolo e a antítese. As tres seguintes actividades traballan arredor delas.
Metáfora
Unha metáfora é unha figura de pensamento na cal se poñen en relación dous elementos, un real e outro imaxinario, onde o imaxinario substitúe o real.
Para interpretar unha metáfora precísanse coñecementos previos. Hai veces que eses coñecementos son de carácter xeral, polo que calquera pode interpretala sen moito problema (en “as perlas da súa boca”, sabemos que as perlas [elemento imaxinario] se deben interpretar como os dentes [elemento real]). Pero noutros casos, para saber o que quere dicir unha metáfora é preciso saber máis cousas...
Vamos buscar información para interpretarmos a metáfora: "...lonxe de cortar, cultivaban as maceiras de Sodoma". Por parellas, buscade información sobre os seguintes aspectos:
Que é Sodoma?
Onde está?
Onde se fala dela?
Por que é coñecida Sodoma?
Xa que logo, que simboliza? (esta última pregunta é a realmente importante...)
Na "retroalimentación" tes información sobre todo isto. Non a empregues a menos que non sexas quen de atopar a información polos teus propios medios.
Que é Sodoma?
É unha cidade mencionada en varios libros da Biblia, entre eles na Xénese. É descrita coma unha das cinco cidades da Pentápole bíblica (cinco cidades arrasadas por Deus como castigo)
Onde está?
Estaría situada na ribeira do mar Morto. A súa existencia histórica é dubidosa.
Onde se fala dela?
Na Biblia.
Por que é coñecida Sodoma?
Deus reveloulle a Abraham que había destruír Sodoma por medio de lume e xofre porque o seu pecado era moi grave e irreversíbel, só Lot e a súa familia poderían ser salvados. Abraham intercedeu polos xustos da cidade, e Deus repúxolle que non a destruiría se atopaba cincuenta xustos na cidade, mais Abraham insistiu até que lle deu a oportunidade de atopar a dez xustos. Ao non conseguilo, despois de que os anxos sacasen de Sodoma á familia de Lot, Deus enviou unha choiva de lume e xofre que incinerou completamente a cidade cos seus habitantes, e outras cidades da chaira (polo menos catro das cinco). Un dos que acompañaba a Lot na fuxida, a súa muller, deu volta para mirar e converteuse nunha estatua de sal.
Xa que logo, que simboliza? (Esta última pregunta é a realmente importante)
Exemplo de como os pecadores son castigados.
Símbolo
Fernando Pazos García. Cruceiro da praza das Cinco Rúas en Pontevedra(CC BY-NC-SA)
A maceira tamén é un elemento moi importante que funciona como símbolo. Un símbolo é unha figura retórica semellante á metáfora, mais agora a interpretación que se debe facer é de carácter abstracto: que un elemento simbolice algo non depende das súas características propias, senón do valor que se lle queira dar por moi diferentes motivos: históricos, relixiosos, persoais etc.
Na metáfora había un símbolo, Sodoma. Aquí hai outro, a maceira. Por que cres que Pintos emprega esta árbore e non calquera outra? Por que quere cortala? Busca información sobre ela. Coma no caso anterior, emprega a retroalimentación só cando creas que non podes facer máis nada.
Pódeste axudar analizando a imaxe que representa a parte inferior do fuste do precioso cruceiro situado na praza das Cinco Rúas, en Pontevedra. Nel podemos observar moitos elementos interesantes:
- Dúas figuras humanas, ambas as dúas espidas mais con ademán de se tapar, tan só cubertas por unhas follas de parra.
- Unha das dúas figuras está a coller unha mazá dunha maceira.
- Unha enorme serpe situada detrás da figura feminina está atenta ao que pasa.
A maceira é recoñecida como a árbore do coñecemento do Ben e o Mal. No Antigo Testamento representa a prohibición, xa que Adán e Eva no Paraíso Terreal tiñan acceso a todo agás aos froitos desta árbore. Comeron da mazá porque tiñan ansia de saber, de coñecer, mais ese feito expulsounos do paraíso para sempre.
Antítese
Por último, nesta metáfora tamén se inclúe unha antítese, es quen de vela? E de explicala? A antítese é unha figura de pensamento en que se opoñen dúas ideas contraditorias, mais que non afectan á coherencia do conxunto. Por exemplo: estiven todo o día sobe e baixa e non arranxei nada!
Wikimedia Commons e Pxhere. Montaxe tree-nature-forest-grass-plant-wood_Apples_at_Hillview_Farms_in_New_Jersey(CC0)
Busca a antítese e explica en que consiste, cales son os elementos que se opoñen?
Os conceptos que aquí se opoñen son "cortar" e "cultivar". O primeiro supón a eliminación das maceiras, mentres que o segundo implica o seu coidado e potenciación. A locución "lonxe de" non fai referencia a unha distancia física, senón simbólica que podería ser substituída por "en vez de", "en lugar de", "no canto de"...