Avaliación cursos LAG
Contidos
Os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega terán unha duración de 75 horas e axustaranse aos contidos sinalados nos anexos I e II, respectivamente, da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121 do 24.06.2011) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística.
Avaliación
A avaliación que se efectúe nestes cursos será progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, a visualización dos contidos na aula virtual e a realización das actividades e das probas programadas.
Para poder superar os cursos será obrigatorio realizar unha serie de actividades que serán indicadas na programación didáctica do curso. A non realización das actividades obrigatorias nos prazos estipulados suporá a perda automática do dereito a participar na proba final.
Ao finalizar o curso, as persoas con dereito a examinarse terán que realizar unha proba final de carácter presencial que constará de dúas partes, unha escrita e outra oral.
Para adquirir o dereito ao diploma é necesario superar o conxunto das partes, actividades obrigatorias e probas finais, segundo o sistema de avaliación establecido pola Secretaría Xeral da Lingua, e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.
Probas finais
As probas finais serán elaboradas pola Secretaría Xeral da Lingua e terán carácter unificado. A proba escrita realizarase de forma presencial nos lugares que se determinen, que serán publicados coa debida antelación, nas datas e horas que se indican a continuación:
- A proba final escrita para os cursos do primeiro cuadrimestre realizarase entre o 2 e o 5 de decembro de 2025 ás 10.00 h, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 h, para os cursos de linguaxe superior. A data da proba será indicada ao inicio do curso.
- A proba final escrita para os cursos do segundo cuadrimestre realizarase entre o 23 e o 27 de marzo de 2026 ás 10.00 h, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 h, para os cursos de linguaxe superior. A data da proba será indicada ao inicio do curso.
As datas da proba oral serán fixadas por cada EOI e deberá informarse o alumnado cunha antelación mínima dunha semana con respecto á súa realización. Estas datas faranse públicas na aula virtual.
Unha vez rematado o proceso de avaliación, o alumnado poderá consultar a súa cualificación na aplicación, no mesmo enderezo no que fixo a inscrición.
A data límite para a introdución das notas na aplicación será o día 18 de decembro de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e o día 14 de abril de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.
Ao alumnado que acade a cualificación de apta/o remitiráselle por correo electrónico o correspondente certificado asinado pola persoa responsable da Secretaría Xeral da Lingua.
Procedemento de reclamación
As reclamacións relacionadas coa cualificación outorgada presentaranse ante a dirección da escola respectiva nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación dos resultados. A dirección da escola remitirá estas reclamacións á Secretaría Xeral da Lingua para que sexan estudadas por unha comisión técnica de avaliación, que estará formada pola subdirectora xeral de Política Lingüística, polo coordinador de cursos de linguaxes específicas e por dúas persoas lingüístas da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Esta comisión emitirá un informe, nun prazo non superior a dez días hábiles, para o que poderá solicitar información do profesorado que titorizou o curso. Este informe servirá de base para a resolución por parte da dirección da escola.
De continuar en desacordo coa cualificación, o alumnado poderá interpoñer un recurso de alzada perante o respectivo departamento territorial da consellería competente en materia de educación contra a resolución da dirección da escola, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa recepción.
![]() |
![]() |
![]() |











