Actividades culturais curso 2024-2025
Concurso de Knolling (fotografía cenital) da Extensión de Sarria da EOI de Lugo
- O concurso está aberto a todo o alumnado da Extensión de Sarria e da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, e máis ao alumnado maior de 14 anos de todos os centros educativos públicos, concertados e privados dos concellos de Bóveda, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos, Sarria e Triacastela, incluídas as escolas musicais e doutras artes.
- O obxecto da actividade é compartir paixóns e afeccións dun xeito artístico usando a imaxe e as palabras da lingua de estudo que nos fai internacionais: o inglés.
- Cada obra componse dunha fotografía cenital dun conxunto de elementos ordeados (knolling) co seu pé de foto acompañante. A temática das fotos cenitais será calquera ocupación laboral, artesanal ou artística, afección deportiva ou de tempo libre, ou unha obra literaria, película ou serie.
- O texto do pé debe gardar relación coa súa foto, estar escrito en inglés e ter unha extensión de entre 50 e 100 palabras. Pode ser descritivo, explicativo ou poético.
- As fotografías poden estar en branco e negro ou a cor e deben enviarse nun formato de arquivo de imaxe que permita unha boa reprodución gráfica en tamaño DIN-A4.
- Tanto as imaxes coma os textos deberán ser de autoría recente da persoa concursante, orixinais e inéditos.
- As fotos achegaranse como adxunto nun correo electrónico ao enderezo eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal ata o 28 de febreiro de 2025 co asunto “Sarria Knolling Contest”, acompañadas dun arquivo co texto do pé de foto correspondente.
- No devandito correo figurarán o nome completo, idade e datos de contacto da persoa participante (e os da nai, do pai ou da persoa titora no caso de menores de idade) e máis o centro educativo e nivel no que cursa estudos.
- Valoraranse conxuntamente a calidade artística e orixinalidade das fotografías e dos textos dos pés de foto acompañantes.
- A persoa autora da obra premiada recibirá un vale de compra nunha libraría local por valor de 50 euros, e máis un diploma que a acredite como gañadora.
- O xurado estará constituído polo profesorado da Extensión da EOI de Sarria. A súa decisión será inapelable e poderá optar por dividir o premio entre dúas gañadoras ex aequo ou mesmo declaralo deserto.
- Darase a coñecer a persoa gañadora o 10 de marzo de 2025 na sección da Extensión de Sarria da páxina web da EOI de Lugo e posteriormente nos medios dixitais da EOI, da prensa local e dos centros que desexen colaborar.
- Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras. Rexeitarase a participación de quen achegue máis de dúas obras ou obras e textos de autoría allea e/ou executados mediante procedementos de intelixencia artificial.
- As obras participantes ou unha escolma delas poderán ser expostas na sede e medios da EOI de Lugo e da súa Extensión de Sarria e doutros centros educativos e sociais interesados.
- A participación no concurso supón a aceptación destas bases.








