Saltar navegación

Exportar como Sitio web

Esta opción permite exportar o proxecto como un sitio web listo para ser aloxado nun servidor de Internet. Ademais das páxinas desenvolvidas, crearase un menú de navegación lateral que reproduce a árbore de contidos do obxecto.

HTML é a linguaxe co que se escriben as páxinas web e é o formato de exportación máis sinxelo que se pode realizar con eXe. As páxinas HTML xeradas pódense subir a sitios web (a un servidor), gravalas nunha memoria USB, envialas por correo... Todo coa tranquilidade de que o noso alumnado poderán ver o recurso, pois todos os computadores persoais dispoñen de navegador web para abrir as páxinas xeradas.

exportar a sitio web
Exportación a sitio web

Ao exportar como Sitio web, eXeLearning crea un cartafol onde lle indiquemos, e dentro dese cartafol, coloca todos os arquivos (imaxes, textos etc.) que utilicemos no noso proxecto.

PASOS

Os pasos a seguir para exportar como sitio web serán:

  1. Abrimos o arquivo .elp que queremos exportar
  2. Facemos clic sobre o botón Ficheiro/Exportar/Sitio web
  3. Situámonos na ruta onde queremos gardar o cartafol que se xerará e prememos sobre o botón Gardar.

Na ruta indicada xerarase un cartafol que conterá todos os ficheiros necesarios. Para visualizar o recurso, basta con entrar no cartafol e abrir o ficheiro index.html que eXeLearning crearía no seu interior. Ao facer dobre clic neste ficheiro o recurso abrirase no navegador que utilice o equipo por defecto. Lembramos en todo caso que se trata dun cartafol localizado no equipo, polo que, aínda que se despregue no navegador, non está a utilizar ningún tipo de conexión a Internet.

Buscar ficheiro index.html
Ficheiro index.html dentro do cartafol creado

Se o que queremos é subir este contido a Internet, debemos publicalo, paso que se explica no apartado seguinte. 

Se non temos o Modo avanzado, o noso REA será exportado como Sitio web nun Cartafol independente. Como xa se ten comentado, é preferible traballar sempre como Modo avanzado activado polo que teremos tres opción de exportación como Sitio web, que se expoñen de seguido.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)