Saltar navegación

Que son os datos persoais?

  • Festival de Entroido do noso centro. Imos gravar un vídeo coas actuacións e subilo a Youtube.
  • Alumnado recitando poemas de Rosalía no Día das Letras Galegas. Imos sacar fotos, gravar un vídeo e colgalo na páxina web do centro para que poidan velo os pais e nais.
  • Saída cultural ao Museo de Ciencia Natural. Imos facer unha reportaxe fotográfica para contalo nas nosas redes sociais.
  • Servizo web que nos permite facer un seguimento da aprendizaxe do alumnado.

E así moitos exemplos máis de actividades ou servizos que, ata ben hai pouco tempo, faciamos ou utilizabamos dun xeito pouco reflexivo, sen nos darmos conta de que podiamos estar atentando contra a intimidade de alumnado, profesorado e familias.

Pero coa entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos (UE) e a Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía dos Dereitos Dixitais cómpre revisar as nosas actuacións con respecto a este tema pois no ámbito educativo cobra maior importancia.

Pero que é un dato persoal?

Un dato persoal é toda aquela información que permite identificar ou fai identificable unha persoa física. Nun contexto educativo, os datos persoais que permiten identificar a unha persoa, directa ou indirectamente, son:

- os seus datos identificativos

- os seus datos académicos, financieiros ou profesionais

- as imaxes captadas do alumnado

Como docentes debemos asegurar un bo uso do tratamento dos datos persoais.