A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) publicou unha Guía para centros educativos, que se presenta como un documento "dinámico, revisable e actualizable".
Nesta publicación ofrécese un interesante decálogo que resumimos a continuación:
1. Todo o persoal da comunidade educativa que, por razóns dos seus cometidos, traballa con datos persoais debe facelo con dilixencia e respecto á privacidade e intimidade, antepoñendo sempre o interese e a protección dos menores.
2. As Administracións e os centros educativos son os responsables do tratamento dos datos persoais.
3. Por regra xeral, e dada a súa finalidade educativa, os centros educativos non precisan o consentimento dos titulares dos datos. Porén, deben informar con claridade da finalidade da recollida de datos, da obrigatoriedade de facilitalos, dos destinatarios dos datos, dos seus dereitos, da identidade do responsable do tratamento.
4. Se os datos e o consentimento de pais/nais/titores se solicitan con finalidades distintas á función educativa, debe informarse claramente da finalidade e dar a posibilidade de opoñerse a ela.
5. No emprego das TIC, as administracións e os centros educativos deben coñecer as aplicacións que se utilicen, a súa política de privacidade e as súas condicións de uso; non deben empregarse aquelas que non informen sobre o tratamento dos datos persoais.
6. As Administracións e os centros educativos deberán dispor de protocolos, instrucións, guías, directrices ou recomendacións sobre o uso das TIC para os docentes. O emprego das TIC debe adaptarse ao grao de desenvolvemento do menor.
7. As comunicacións entre o profesorado e as familias deben realizarse, preferentemente, a través dos medios postos a disposición de ambos polo centro educativo (plataformas educativas, correo electrónico do centro).
8. Non é recomendable o emprego de aplicacións de mensaxaría instantánea (Whatsapp, por exemplo), salvo casos de forza maior.
9. O docente debe ter coidado cos contidos do traballo de aula que se sobe a Internet. Debe ensinar a valorar a privacidade individual e de grupo, a inconveniencia de sacar fotos ou vídeos doutros alumnos sen consentimento e facelos circular polas redes sociais para evitar calquera foma de violencia (ciberacoso, grooming, violencia de xénero...).
10. Na celebración de eventos (festivais, competicións...), o centro debe informar aos familiares da posibilidade de gravar imaxes exclusivamente para uso doméstico e persoal.