
Diversificar instrumentos de avaliación.
A ausencia dunha avaliación correcta no ensino a distancia pode dar lugar a que moitos/as dos/as participantes non se esforcen nas tarefas que se propoñan.
As actividades que se entreguen ou nas que se participe hanse de ir corrixindo ao longo de todo o tempo que dure o curso, para que o alumnado poida recibir de maneira periódica un feedback e, deste modo, rectificar os seus erros e manter a súa motivación e permanencia.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado estaría dividida basicamente en dous tipos:
- Traballo en grupo. Nun curso na Rede resulta básico incluír actividades en grupo. Estas actividades van diminuír a sensación de illamento que pode ter o alumnado, así como o número de traballos que hai que cualificar por parte do profesorado. Moodle dispón de ferramentas para traballar de forma colaborativa. Pódense propoñer:
- Elaboración de wikis, glosarios e bases de datos.
- Ademais, o foro é unha boa ferramenta de apoio para o traballo en grupo, permitindo que o alumnado poida organizarse, reflexionar, etc.
- Traballo individual. As tarefas máis habituais (non as únicas) son:
- Cuestionarios de corrección automática. A xestión desta ferramenta en Moodle ofrece a cualificación de maneira instantánea, así como a posibilidade de que o profesor inclúa comentarios nas respostas, ofrecendo un feedback inmediato.
- Entrega de traballos, exercicios... nos que o alumnado debe elaborar como resposta o envío dun documento. Para iso, Moodle dispón da ferramenta "tarefa". Posteriormente, o profesor pode acceder á tarefa, consultala, avaliala e ofrecer comentarios.
Ao cualificar as actividades tes a opción de escribir algún comentario. Xa sexa para eloxiar ou corrixir, o ideal e axeitado sería adicar unhas palabras, iso si sempre nun ton positivo e con carácter construtivo e motivador. É un momento perfecto para "inxectar" unha dose motivacional ao receptor dos contidos.
Nos comentarios, as mensaxes deben ser de ánimo, positivas, motivadoras e personalizadas.