Saltar navegación

3.2. Concepto de plan de lectura

Pódese definir o Plan de Lectura (PL) como un proxecto educativo colaborativo e dinámico que ten como obxectivo mellorar a CL de todo o alumnado nos diferentes niveis educativos. O PL impulsa mediante a innovación un cambio nas prácticas e concepcións relacionadas coa lectura, vinculándoas de maneira transversal con todas as áreas e materias do currículo.

Debe dar resposta a aspectos do proceso lector, como a existencia de múltiples obxectivos lectores e escritores, formas de ler, contornas lectoras, tipoloxías textuais, formatos e soportes de lectura, usos de fontes e utilización da información e promoción da lectura, sen esquecer a lectura de textos específicos propios de cada materia e a lectura literaria.

Refírese a tres ámbitos:

  • Aprender a ler mediante estratexias lectoras nas áreas lingüísticas.
  • Ler para aprender desde todas as áreas.
  • Ler para gozar da lectura.

É necesario recalcar que este se pode enmarcar nunha iniciativa que abarque a atención da competencia comunicativa en xeral e non só a CL, como é o proxecto lingüístico de centro. Enténdese o proxecto lingüístico de centro como o conxunto de actuacións organizadas e coordinadas que teñen como obxectivo atender ao desenvolvemento da competencia comunicativa nos centros educativos.

O PL formaría parte das liñas de traballo deste, xunto con outras como:

  • A normalización, que variará en función de que sexan contextos de uniformidade lingüística, bilingües ou plurilingües.
  • O plan de oralidade.
  • A escritura a través do currículo.
  • O mapa de xéneros discursivos.
  • O impulso ao plurilingüismo educativo e a educación bilingüe.
  • A atención á diversidade lingüística.
  • A biblioteca escolar.

Con todo, a idea de plan de fomento da lectura ampliouse recentemente, como se pode apreciar na Guía para a elaboración dun Plan de fomento da lectura nun centro de Educación Secundaria (FGSR e López, 2024), editada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Neste documento defínense os plans de fomento da lectura como: “o documento no que se incorpora o conxunto de obxectivos, metodoloxías e actividades que se desenvolven no centro educativo para garantir a adquisición da competencia lectora” (FGSR e López, 2024: p. 12).

Nesta proposta, todo plan debe organizar de maneira estruturada o ensino da lectura e a súa promoción a través de todas as materias, contando coa colaboración de toda a comunidade educativa e as organizacións presentes na contorna do centro, así como reflectir o compromiso da institución para traballar na comprensión e creación de diversos tipos de textos en distintos formatos e medios, fomentando o gusto pola lectura e promovendo a procura e selección de información mediante a biblioteca escolar, a biblioteca pública e as ferramentas dixitais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)