As accións de difusión teñen como propósito procurar que a comunidade educativa coñeza os fondos, como están organizados, os servizos e as posibilidades de uso pedagóxico que ofrece a biblioteca, e mais as actividades que se programan. Para iso, é útil a elaboración de guías (xeral da biblioteca, guías de lectura sobre temas específicos) ou os anuncios coas novidades recibidas.
En canto á tarefa de asesoramento, a biblioteca é o centro de lectura e de coñecemento, de xeito que moitas das actividades escolares poden nutrirse non só dos fondos, senón dos criterios para seleccionalos, así como de apoios diversos que complementen o que se realiza nas aulas ou de sesións de intercambio e de preparación de actividades e de materiais entre equipos docentes.
As actividades de formación propias da biblioteca deben centrarse no que achegan as súas particularidades e funcións respecto a outros contextos escolares:
- Procurar a mediación entre o alumnado e os fondos documentais.
- Propiciar o encontro e a interacción entre o alumnado de distintas idades ou grupos e entre outros membros da comunidade. Acompañar na selección dos materiais segundo distintos propósitos.
- Favorecer a autonomía progresiva no uso documental.
- Dotar de criterios para as actividades culturais de lecer e de acceso á información e ao coñecemento.
- Proporcionar e ensinar recursos para a difusión da comunicación.
- Promover intercambios culturais coa participación de alumnado, profesorado e familias, para iso é necesario establecer unha programación que se sustente en obxectivos de aprendizaxe e que estableza un progreso desde o inicio ata o final de Secundaria (obrigatoria e postobrigatoria).
Ademais, débense contemplar propostas variadas que atendan ás distintas dimensións da lectura:
- Investigar: refírese á competencia no uso da información (procura, selección, tratamento e comunicación da información).
- Informarse/aprender: trátase de establecer espazos de aprendizaxe baseados na lectura, tendo en conta os multialfabetismos e a lectura multimodal.
- Ler obras de ficción: refírese á formación de lectores literarios para a construción de hábitos de lectura e para o progreso na competencia interpretativa.
É necesario valorar a introdución de franxas no horario lectivo para a formación en biblioteca de cada grupo ou grupos de alumnas e alumnos, xa sexa mediante o uso autónomo, supervisado ou dirixido.