A biblioteca escolar debe ter unha colección organizada, centralizada e coidada tanto fisicamente, no espazo dedicado á biblioteca, coma naqueloutros como aulas, seminarios ou calquera outro espazo do centro educativo. Ademais, cómpre centralizar o material virtual, dado que a biblioteca escolar é o centro de recursos documentais do centro educativo.
A colección debe ser:
- Relevante e aliñada co currículo (desde libros de texto ata recursos complementarios como atlas, dicionarios, biografías, libros de divulgación científica etc.).
- Diversificada e representativa, ten que reflectir a diversidade cultural, lingüística e social do estudantado, e incluír autores e autoras nacionais e internacionais, así como temáticas que promovan a inclusión, a equidade e mais o respecto polas diferenzas.
- Equilibrada en formatos: é necesario que inclúa tanto libros impresos e recursos dixitais (ebooks, audiolibros, bases de datos, revistas electrónicas) coma recursos multimedia (como vídeos educativos, mapas interactivos e outros materiais que apoien a aprendizaxe activa).
- Actualizada, debe revisarse e actualizarse regularmente para eliminar materiais obsoletos e adquirir novos títulos que respondan aos cambios no currículo, aos intereses dos estudantes e aos avances nas distintas disciplinas.
- Axeitada aos distintos niveis lectores, coa inclusión de libros apropiados para todas as idades e niveis de lectura (literatura infantil, xuvenil, clásicos, cómics, novela gráfica, obras adaptadas e libros con diferentes niveis de complexidade).
- Promotora do gusto pola lectura: a colección debe ter libros que conviden a ler por pracer e a desenvolver a competencia literaria: novelas, contos, poesía, libros ilustrados, humor, aventuras, ciencia ficción, etc.
- Apoio ás necesidades especiais. Debe incluír materiais accesibles para estudantes con discapacidades (libros en braille, audiolibros, materiais con letra grande, pictogramas etc).
Debe dispoñer, ademais, recursos de referencia e consulta, contando cunha sección de referencia que inclúa dicionarios, enciclopedias, almanaques, manuais etc., tanto físicos coma en liña.
Ademais, ten que haber un equilibrio entre o tipo de recursos, o soporte e o formato:
- Segundo o contido, ten que asegurar un fondo de obras de ficción axeitado á idade das e dos escolares, pero tamén de obras de información (dicionarios, enciclopedias etc.) e documentais (manuais e monografías, entre outros).
- Segundo o soporte, o fondo debe contar con documentos impresos (libros, publicacións periódicas, materiais gráficos, material elaborado polo centro…), audiovisuais, informáticos e electrónicos e outros materiais (maquetas, xogos didácticos, globos terráqueos, etc.).
- En canto ao número de documentos estimado que se considera que debe ter unha biblioteca escolar, cabe ter en conta que unha colección razoable de recursos impresos tería que contar cuns dez libros por estudante, ademais de exporse todos aqueles libros que deberían conformar a colección para unha aula.
- Polo menos un 60% do fondo tería que consistir en recursos de información —non novelísticos nin de ficción— relacionados co currículo.
Ademais, a biblioteca escolar tería que adquirir materiais para o lecer, como novelas de éxito, música, xogos de computador, revistas e pósters, entre outros.
Este tipo de materiais poden seleccionarse en colaboración cos e coas estudantes para asegurar que reflicten os seus intereses, sen traspasar os límites razoables dos estándares éticos.
Por último, o obxectivo da colección dunha biblioteca escolar nunca é o crecemento, senón a selección, polo que debe ter sempre en conta a actualización a través da identificación dos documentos para expurgar.
Ter en conta todo o que a biblioteca pode ofrecer por canles externas (acceso a documentos dixitais doutras bibliotecas, por exemplo).